Lugonovo pide que se pechen as arquetas que quedaron ao descuberto trala roza do vertedoiro de Teixeiro

O desbrave e limpeza do vertedoiro de Teixeiro, solicitado hai meses por Lugonovo, serviu, ademais de para adecentar este espazo natural, para deixar ao descuberto a presenza de varias arquetas, abertas na súa superficie, que poden supoñer un verdadeiro perigo para a poboación.

Así o puideron comprobar os edís da formación cando visitaron, esta semana, o recinto. “Ao redor da vella depuradora existen, polo menos, unha ducia de tubos, de máis dun metro de profundidade que, no seu día, cumprían a función de derivar cara esta instalación os lixiviados, os líquidos procedentes da descomposición dos residuos alí depositados. Actualmente en desuso, o que supoñen é unha fonte de perigo para quen se achegue ata aquí. Na mesma tarde na que acudimos a coñecer o avance dos traballos de roza coincidimos con varios ciclistas. Para eles, así como para calquera veciño, estas canalizacións son unha verdadeira trampa”, explica Iñaki García.

O concelleiro anuncia que Lugonovo presentará un rogo solicitando o precintado destes sumidoiros e a eliminación de todas aquelas dotacións que, no seu momento, servían para desfacerse do lixo. “Estamos a falar das conducións para gases, sales e metais así como do depósito, sito a carón da depuradora, que todavía contén augas residuais”. Esta sería a segunda medida a acometer na zona, segundo García Gómez, quen tamén considera preciso “arranxar o peche perimetral de arame do que se perdeu máis do 25%”.

Ante a amplitude do terreo que queda dispoñible, ao redor dunhas 20 hectáreas, a agrupación municipal aposta por convocar un concurso de ideas para dotar de contidos a finca. “As posibilidades que se abren ante os seus usos futuros poden ser moitas. Dende unha área recreativa que se convirta nun punto de encontro para o esparcimento e o recreo dos e das lucenses ate un pequeno parque forestal de especies autóctonas ou un roteiro para prácticas deportivas como o running ou o sendeirismo, mesmo con infraestruturas como merendeiros, mesas, bancos de pedra, grellas, etc…”

“En todo caso – conclúe Iñaki García –  o Concello pode convocar un concurso de ideas para que a cidadanía, no seu conxunto, aporte as suxestións que lles parezan máis oportunas para darlle unha saída o máis útil posible. Resultaba a todas luces inxustificado, mantelo nas condicións nas que se atopaba, de ruína total, con cadáveres de animais á vista e completamente arrasado cando aquí se fixeron destacados investimentos dos que xa non queda nin o rastro”.