Lugonovo denuncia que, cada semana, o botellón convirte nun vertedoiro o patio do Ceip Rosalía de Castro

Xiringas, excrementos, ouriños, latas e botellas ate encher tres sacos de lixo.

É a resaca coa que, cada luns, amence o patio do Ceip Rosalía de Castro, froito dos efectos do botellón e o vandalismo. Unha situación insostible, que afecta, dende hai meses, aos 380 alumnos de infantil e primaria matriculados neste centro. “O recinto parece un vertedoiro”, denuncia o portavoz de Lugonovo tras visitar esta mañá as instalacións.

“É inaudito que nun colexio no que estudan nenas e nenos tan pequenos se consinta semellante despropósito”. Santiago Fernández Rocha describe a paisaxe que se atopou como unha auténtica esterqueira. “O xardín estaba cheo de envases de bebidas, de feces humanas e cun cheiro insoportable a urina, nin as papeleiras se libraron das pintadas. A imaxe é desoladora, impropia dun inmoble coma este. O persoal da limpeza levaba horas tratando de poñer orde no local para evitar que os pequenos viran toda aquela suciedade e mesmo se puideran mancar cos refugallos, porque entre outros obxectos, se recolleron xiringas”.

O voceiro de Lugonovo critica con moitísima dureza a pasividade do executivo local, que tras varios requerimentos do centro, segue a mirar para outro lado ignorando o problema. “A propia dirección refire que xa son varios os escritos oficiais que foron enviados ao Concello pedindo axuda, o último de finais do pasado mes de marzo, pero ate o momento só recibiron silenzo por resposta coas perigosas consecuencias que estamos vendo. Non é de estrañar que a preocupación da comunidade educativa tornara xa en indignación”. Fernández Rocha anuncia que, dende a agrupación municipal, presentarán un rogo para que se tomen, de maneira inmediata, medidas urxentes nesta escola. “O primeiro é aumentar a altura do peche perimetral. Na actualidade calquera pode acceder sen ningún esforzo.

O corpo docende relata que isto acontece a diario e mesmo en horario lectivo para facer uso das dotacións deportivas o que ten desembocado, incluso, nalgún enfrontamento tenso para conseguir o seu desaloxo”. Os edís e a edil da formación consideran convinte intensificar tamén a vixilancia policial na zona durante as vindeiras semanas como instrumento de disuasión “ata que se perda este mal hábito ou teñan concluído as obras que o impidan. O que está claro é que estas irregularidades deben atallarse canto antes” –  insiste o portavoz de Lugonovo.