Lugonovo propón recuperar os espazos baleiros do Casco Histórico e dotalos de uso público

O Grupo Municipal Lugonovo levará mañá ao Pleno unha proposta para ampliar a todo o Casco Histórico a declaración de Patrimonio da Humanidade que xa ostenta a Muralla.

A medida serviría para agregar ao seu ámbito de protección a todo o recinto que se atopa dentro dos límites do monumento romano, “algo urxente e prioritario para frear o seu decaemento”. “Vivendas sen concluír, coas medianeiras aínda en ladrillo contravindo a Lei do Solo, soares en ruína ou inmobles que arrastran décadas de deterioro, edificios ateigados de pintadas ou espazos abandonados, invadidos pola maleza e o lixo. Esa é a carta de presentación do centro neurálxico de Lugo e o sinal máis evidente de que non se lle está a prestar nin a atención nin os coidados debidos”, reflexiona Santiago Fernández Rocha.

Unha situación de desamparo que, ao seu xuizo, “se pode reverter aproveitando os efectos que tería a extensión do recoñecemento internacional da Unesco e as imposicións, en materia de conservación, ás que esta mención obriga”. Sen embargo, os edís e a edil da formación consideran que a administración local debe ser, igualmente, outro dos piares nos que asentar a estratexia de recuperación do Casco Histórico. “O Concello ten que facer unha aposta decidida pola rexeneración e dinamización desta parte da cidade” – di Fernández Rocha e lembra que, no pasado mes de novembro, Lugonovo impulsou xa outra iniciativa para diminuir a fealdade urbanística nesta contorna.

“Hai medio ano acadamos o apoio da Corporación para que se permitise a instalación de lonas, eminentemente artísticas, naqueles espazos máis degradados, se atoparan ou non inmersos nun proceso de reforma. Era un intento de paliar ou diminuir os malos efectos estéticos que lle ocasionan ao municipio tanto a nivel turístico como cultural”, explica o voceiro. Pendente de que o seu regulamento se recolla na “interminable” ordenanza de publicidade exterior, agora, dende Lugonovo achegan outra suxestión. Intervir nos terreos baleiros que existen no recinto amurallado, “máis dunha ducia”, para poñelos a disposición da veciñanza.

“Esixiría limpalos, pechalos e mesmo dotalos con mobiliario urbano para darlles un uso provisional a cambio de conveniar cos propietarios a súa cesión temporal”. Santiago Fernández Rocha abonda na idea: “Encamiñar o proxecto suporía poñer en  marcha un obradoiro de emprego no que se priorizase a utilización de produtos e materiais reciclados que reduciran o impacto ambiental dos traballos. En canto á súa finalidade, nestas fincas poderíanse desenvolver actividades culturais ou deportivas, ao abeiro de organismos públicos e asociacións, ou mesmo convertilas en áreas de xogo infantil ou de cultivo de hortos urbanos. Pequenos focos de revalorización que confiran vitalidade á zona máis senlleira da localidade”, apunta o portavoz.