Lugonovo advirte que o goberno renuncia, por agora, a cobrarlle unha taxa ás telefónicas

O Concello de Lugo renuncia a cobrarlle ás compañías telefónicas pola utilización que fan da vía pública por tender as infraestruturas coas que prestan o servizo de móbil.

Polo menos… de momento. ¿O motivo? A documentación facilitada, esta mañá, no seo da Comisión de Seguimento sobre o Cumprimento dos Acordos Plenarios, apunta ao feito de que xa se están redactando outros tres regulamentos (o do guindastre, recollido na taxa número 152, o do IBI, na número 203 e o dos comedores escolares) e polo tanto o departamento encargado da súa elaboración non pode asumir máis carga de traballo.

“Algo inaudito”, segundo Santiago Fernández Rocha, que considera, por simplista, “unha tomadura de pelo” a contestación recibida á proposta que o seu grupo municipal levou ao Pleno o pasado mes de novembro. “A resolución argumenta que neste intre non é posible redactar a ordenanza de telefonía móbil por canto implica a obtención de información de liñas telefónicas (pos – pago e pre – pago) e outra serie de datos para a conformación do estudo de custos que son de difícil cuantificación e esixen un período longo para o seu desenvolvemento.

Con esta afirmación – explica o portavoz de Lugonovo –  o que entedemos é que o goberno prefire seguir instalado na comodidade e desistir no intento de obrigar a estas grandes empresas a contribuír cos impostos locais”. O voceiro da formación anuncia que interpelará por escrito ao executivo para coñecer cales son as súas verdadeiras intencións. “E agardamos que, daquelas, a resposta sexa máis seria e convincente, porque ao que recibimos agora só se lle pode tildar de escusa incomprensible”. Fernández Rocha subliña: “sabemos que non é unha misión nin rápida nin sinxela pero tampouco estamos a pedir nada novedoso como para rexeitalo ás primeiras de cambio. Esta ordenanza está en vigor noutras moitas localidades e polo tanto non é preciso inventar nada para iniciar o procedemento, xa existen referencias e modelos nos que inspirarse, sempre que se queira, claro! E sempre que se entenda como unha prioridade porque tamén existe a posibilidade de contratar persoal, cando, como aquí se evidencia, dase unha acumulación de tarefas”.

No seu día a formación apuntaba que este tributo podería supoñer para a cidade o ingreso de preto de medio millón de euros anuais, tendo en conta que Vigo percibe polo mesmo concepto 800.000 euros. “Lamentamos moito que o goberno non estea disposto a facer ningún esforzo. Unha taxa coma esta serviría para mellorar o saneamento das arcas locais e axudaría a poñer fin ao agravio comparativo que se mantén respecto doutros negocios. O pequeno comercio e a hostalaría contribúen fiscalmente e para nós resulta inexplicable que xusto sexan as grandes multinacionais as que non o fagan en virtude dunha aministía encuberta nesta materia”. Para o portavoz de Lugonovo, da mesma contestación, tíranse outras conclusións: “A primeira é que para decir NON tardouse catro meses.

A segunda, que se este foi o  razoamento para desistir de poñela en marcha xa imaxinamos a sorte que vai correr  a outra proposición que fixemos para gravar ás distribuidoras de enerxía. E a terceira é que, se a causa reside en que se estean redactando tres ordenanzas, ¿qué vai pasar cos regulamentos de ruídos, co da auga ou co da publicidade exterior? Como se tarde en todas como nesta última… igual hai que pensar en agardar dúas décadas para velas rematadas!, conclúe Rocha.