Lugonovo propón ampliar as bonificacións ao Icio para rematar coas medianeiras de ladrillo

Erradicar a fealdade arquitectónica e promover a conservación dos edificios mellorando a paisaxe urbana da cidade.

Con ese obxectivo, o Grupo Municipal Lugonovo suxire a posibilidade de que o Concello amplíe ou engada unha nova bonificación ao ICIO para colaborar cos propietarios que queiran adecentar o aspecto das súas vivendas contribuíndo así a homoxeneizar o estado das construcións na capital.

“Son tantos os inmobles que están sen rematar que mesmo se podería elaborar un mapa do ladrillo”, enfatiza Santiago Fernández Rocha, en alusión ao número de edificacións que aínda manteñen este material á vista nalgunha das súas medianeiras. “Instalacións inacabadas, que empobrecen a imaxe de Lugo e que ocasionan importantes prexuizos ás comunidades de veciños tanto polas perdas de enerxía que sofren os domicilios nesta situación, como pola aparición de filtracións e humidades que propicia o feito de non contar cun revestimento axeitado en tódalas súas frontes”, explica o portavoz.

Fernández Rocha relata que a obriga de finalizalas lle corresponde aos donos, tal e como recolle a última modificación da Lei do Solo, pero o mesmo marco normativo impón tamén ás administracións locais a responsabilidade de vixiar para que así se cumpra. “Mellor que a vía coercitiva é, sen dúbida, a da colaboración. Unha bonificación que aposte continuadamente pola rehabilitación de edificios e de medianeiras, podería ser un acicate para que os particulares se animen a asumir estas intervencións pero tamén podería supoñer a solución estética e urbanística ao problema. Sería ademais unha maneira de xerar actividade económica e de crear emprego”, conclúe o voceiro.