Lugonovo propón incluír novos criterios éticos nos pregos de contratación para avanzar na subministración eléctrica con enerxías renovables

Que os edificios municipais só consuman enerxía de orixe 100% renovable.

Con ese obxectivo os edís e a edil de Lugonovo propoñen incluír esta premisa como un dos condicionantes de maior peso dentro dos criterios éticos que rixen os pregos de contratación da subministración eléctrica. “Só sería necesario introducir o requerimento dentro das bases de adxudicación como unha das claúsulas sociais e ambientais prioritarias que esixe a prestación do servizo. O acontecido no Concello de Santiago demostra que é factible.

Abastecer enerxía renovable supoñía un 25% dentro do prego redactado polos ténicos composteláns, o que motivou que as empresas que participaron no concurso o fixeran presentando ofertas cos máximos de enerxía renovable que podían proporcionar – explica Iñaki García. 

Así garántese que, pouco a pouco, se avance na obtención dunha distribución totalmente ecolóxica”. O edil sinala que esta medida só precisa de vontade política para ser  unha realidade tamén en Lugo e apunta outras iniciativas acaídas como a posibilidade de instalar nas dependencias municipais sistemas propios que dean cobertura ás necesidades de autoconsumo. Na mesma liña a formación xa propuxo a principios deste ano unha modificación da ordenanza do IAE para bonificar a aquelas empresas ou establecementos que produzan e utilicen enerxía a partir de equipamentos renovables ou de coxeneración.

“Sería desexable, igualmente, poñer en marcha máis accións que promovan o aforro e a eficiencia enerxética así como ir renovando, de forma progresiva, as dotacións do parque móbil ata que toda a flota estea integrada por vehículos sostibles que non dependan de combustibles fósiles para o seu funcionamento”, suxire o concelleiro de Lugonovo.