Lugonovo insiste na súa proposta de crear un novo goberno con todas as forzas de esquerda

Os motivos para a abstención sobran.

“Porque o goberno leva dous anos amosando unha reiterada incapacidade para a xestión. Porque non houbo nunca unha verdadeira vontade de cumprimento dos acordos pactados con Lugonovo durante a negociación anterior. E porque esa falta de seriedade o que denota é unha deslealdade absoluta coa nosa formación”.

Santiago Fernández Rocha cre que tamén se amorean os exemplos: “Non hai máis que avaliar cal é a situación do persoal do Concello e a de moitos dos contratos ou, polo menos, a dos máis cuantiosos. Non hai máis que meditar sobre as formas e os fondos cos que se levaron adiante iniciativas de Lugonovo baixo outro epígrafe sen a máis mínima consideración ou por qué nalgunhas, de gran calado, nin se avanzou mínimamente. E non hai máis que preguntarse en cantos asuntos de transcendencia municipal tiveron a ben contar con nós antes de tomar algunha decisión”.

“Polo interese xeral merece a pena renunciar, moitas veces, aos réditos partidistas pero entre construír e ser cómplice hai unha diferenza”. Para o portavoz de Lugonovo “a absoluta soidade na que se atopa o executivo non é máis que o resultado dunha actitude arrogante e incoherente coa súa realidade numérica. Un factor que nunca tiveron presente para mudar a súa prepotencia por un ánimo de colaboración sincero”. Co escenario que abre ter a toda a Corporación de costas “este é o momento de buscar outra alternativa: a dun novo goberno de tódalas forzas de esquerdas”. Unha proposta que o voceiro de Lugonovo xa lanzou durante o Pleno do Debate do Estado do Concello e que agora recupera como “a única maneira de acadar un executivo amplo que lle permita a Lugo saír da parálise na que se atopa”.

“Xa o dixemos no seu día e agora o reiteramos. Seguimos dispostos a sentarnos en torno a unha mesa a dialogar sobre o futuro do goberno, contando co resto das forzas de esquerda. Este é o momento da responsabilidade e por nós non vai quedar. Cremos que, todos xuntos, temos a capacidade de que esta lexislatura non se perda”. O reto lanzado ao resto dos grupos chega como unha posible solución á falta de rumbo e dun proxecto definido para a cidade, e tamén como unha alternativa a inestabilidade política que está a propiciar a minoría que o “Psoe non quere ver nin asumir”.

“Este executivo leva asentado na estratexia do ir tirando dende que chegou ao Concello, poñendo parches sen solventar definitivamente os problemas que lle afectan á administración. Dirixir esixe valentía e determinación pero, no canto diso, ao que levamos asistindo todo este tempo é a un proceder propio dos que só teñen como obxectivo fundamental desenvolver aquelo que lles marca o instinto de conservación”, asevera Rocha. “Nin por activa nin por pasiva, NUNCA apoiaremos unha moción de censura da dereita.

Pero en lugar do NON polo NON, por compomiso coa cidadanía, preferimos poñer enriba da mesa unha alternativa viable, factible e acorde cos nosos principios de esquerda”, conclúe o voceiro de Lugonovo.