Lugonovo dá conta dunha nova tomadura de pelo das compañías telefónicas ao Concello

Só no que vai de 2017 o servizo de Disciplina Urbanística tramitou 10 expedientes contra as compañías telefónicas pola instalación á vista do cableado nas novas acometidas. “Unha decena de infraccións en catro meses pon de manifesto que estas empresas actúan á marxe da legalidade”, advirte o voceiro de Lugonovo, quen denuncia o feito de que, ademais de non pagar polo espazo que ocupan ao non existir ordenanza que o regule, moitas delas realizan os traballos sen chegar a pedir, tan sequera, a correspondente licenza ao Concello. Santiago Fernández Rocha cre que xa é hora de actuar contra o “insolente proceder” que amosan estas grandes operadoras e que non só está a provocar un importante prexuizo a estética da cidade senón que ademais ocasiona graves transtornos ás comunidades de veciños.

“Cando a Patrulla Verde detecta a irregularidade o procedemento se inicia cun requerimento aos residentes do inmoble. Sen comelo nin bebelo, vense involucrados nun proceso burocrático que os obriga a varios trámites, entre eles, alegar que non teñen responsabilidade nos feitos. Por esta situación – relata o voceiro –  están a pasar agora mesmo os propietarios das vivendas de varios edificios da Fonte dos Ranchos que xa recibiron a notificación municipal”. Os edís e a edil da formación preguntarán ao goberno polas actuacións que leva desenvolvido durante o mandato, tanto no relativo ás sancións interpostas contra as telefónicas como polos traballos de soterramento que se teñen executado.

“Cremos que nos últimos anos apenas se avanzou nesta materia pero especialmente gravoso nos parece que esta transgresión se siga cometendo no momento presente, cando a lei é moi estrita e existe un marco normativo que ampara as medidas coercitivas da administración”. Santiago Fernández Rocha pon o foco no que acontece no Casco Histórico, onde o Plan Urban prevía o investimento de 800.000 euros para atallar a contaminación visual que xera a presenza de antenas e de conexións aéreas nesta contorna. “So hai que levantar a cabeza para corroborar que pouco ou nada se fixo en prol da súa retirada definitiva, a pesar de que o proxecto xa cualificaba como tremendamente perniciosa a situación actual”, lamenta.

O portavoz de Lugonovo lémbralle ao executivo que, dende hai tempo, ten sobre a mesa unha proposta empresarial co que sería unha “solución intermedia” para aqueles casos nos que a obra civil que require resulte excesivamente costosa. “Se polos condicionantes que sexa, eliminar estas redes resulta totalmente inviable nalgunha localización moi concreta, poderíase substituír o cableado de cobre por outro de fibra, moito menos agresivo e de menor impacto visual. Non é o ideal pero, polo menos, contribuiría a diminuir a fealdade urbanística que agora mesmo coloniza boa parte do municipio”, conclúe Fernández Rocha.