Lugonovo insta ao goberno a evitar que se repita a mesma situación que se viviu o ano pasado coa adxudicación das casetas do polbo

A edil de Lugonovo, Cristina Pérez Herráiz considera unha oportunidade perdida o feito de que o goberno non se replantee modificar os pregos de condicións para a explotación das casetas e caldeiros do polbo, ante a posible retirada da concesión ao anterior adxudicatario.

“Ao ter que licitar de novo as casetas do polbo para o San Froilán poderíanse solventar aqueles erros que deron lugar á esperpéntica licitación do ano pasado. Precisamente o feito de que en 2016 se fixeran tan mal as cousas podería darnos agora a posibilidade de solucionalas, asegurando uns bos servizos, boas condicións laborais e salariais e prezos xustos e evitando a especulación.

Pero lamentablemente parece que esa non é a intención da concelleira”, apunta Pérez Herráiz quen cre convinte unha revisión das bases que rixen o procedemento. Dende a formación presentaranse varias preguntas por escrito para saber como pensa abordar o executivo o proceso e “evitar, ao mesmo tempo, que se reproduzan as consecuencias tan desagradables que empañaron o inicio das pasadas festas patronais”, conclúe Cristina Pérez.