Lugonovo cre que a deixadez do goberno leva á Praza de Abastos directa á decadencia

Moito esforzo inversor pero mal aproveitado.

Esa é a conclusión á que chega Lugonovo tras confirmar cos empresarios da Praza de Abastos que a reforma das instalacións non serviu, precisamente, para convertilas nun foco de atracción nin de clientes nin de visitas.

“A  percepción da maioría dos comerciantes é a dunha caída considerable das vendas durante o último ano. Polas tardes o edificio parece un deserto e, polas mañás, vai camiño de chegar a selo”, lamenta Santiago Fernández Rocha. Unha xestión “absolutamente deficiente” é, segundo o voceiro, a principal causa de que o recinto, “máis dun millón de euros despois”, non sexa reclamo dabondo, “agás para os paxaros”.

“Para empezar, o punto de información está tirado no chan, no canto de pendurado no espazo reservado ao Concello que, neste intre, atópase baleiro, desprovisto de contido e de funcións máis aló de operar como garita. Tampouco hai indicación interior ningunha que oriente á cidadanía cara o pasadizo soterrado que comunica o inmoble co estacionamento o que fai que, a pesares do custo que tivo, estea infrautilizado”.

“Por se esto fora pouco  – continúa o portavoz – as pombas aniñaron no tellado de maneira que se convertiron en inquilinos permanentes co que iso significa en canto á suciedade que padecen as dotacións”. Un aspecto este sobre o que Santiago Fernández Rocha cre que hai moito que mellorar.

“É evidente que os recursos actuais son insuficientes en canto ao tempo e as ferramentas que se empregan. Aquí un cubo e unha fregona son un chiste aínda que as consecuencias desta lectura sexan moito máis serias.  O certo é que a imaxe do Mercado non está sendo todo o hixiénica que debera o que tamén pon en entredito o control sanitario que se exerce sobre el. Nin sequera as mesas que se ofrecen como soporte aos produtos da terra parecen os máis convintes a xulgar polo aspecto que presentan, no que se aprecia unha clara transferencia dos alimentos ao plástico e viceversa”.

Dende a formación instarán ao goberno a corrixir todas estas eivas e a ter en conta as necesidades específicas ás que obriga o mantemento axeitado das dependencias, xa sexa coa adquisición de material máis eficaz ou con maior dedicación. Así como a remodelar os aseos públicos “que se atopan nun estado lamentable e claman unha urxente mellora”. “A Praza debera ser unha prioridade dentro das políticas de dinamización comercial do centro histórico e liderar as vendas de produtos frescos e perecedoiros. Un obxectivo que semella imposible de acadar se temos en conta o ostracismo co que se está deixando esmorecer”, afea Rocha.

“Ademais de rematar dunha vez o soto, que xa parece a réplica do Escorial, debéranse potenciar as súas cualidades como punto de encontro da cidadanía. Organizando actividades culturais e de ocio durante as tardes, como campañas de nutrición saudable; mellorando a súa sinalización e incluíndoa nos paquetes turísticos como un referente cultural e gastronómico local. Cómpre prestar máis atención ao etiquetado e a exposición do xénero e posibilitar a convivencia do autóctono con novos servizos como pode ser o envío a domicilio ou a creación dunha sorte de armario ou consigna que facilite deixar a compra mentras se solucionan outros recados polo centro sen ter que carretar coas bolsas. Tamén se podería permitir o aluguer temporal dalgúns postos para desenvolver iniciativas estacionais que revitalicen o conxunto deste núcleo comercial”, suxire Santiago Fernández.

“Unha meta á que tamén contribuiría a consolidación dun programa de visitas didácticas para escolares coa fin de que se familiaricen cos tipos de peixe, carne, froitas, verduras ou hortalizas e coas tradicións e a vida do mercado”, conclúe.