Lugonovo denuncia a tardanza da administración en eliminar a simboloxía franquista que aínda se mantén no concello

“É o fiel reflexo da velocidade á que camiña a administración. Un xesto tan sinxelo como retirar unha placa da fachada dun edificio xa se demora tanto ou máis que a concesión dunha licenza urbanística”.

Santiago Fernández Rocha refírese á simboloxía franquista que aínda se mantén no CEIP Manuel Mallo Mallo de Nadela. “En maio de 2016, Lugonovo levou á Comisión de Infraestruturas un rogo para que se procedese á súa eliminación, atendendo á petición da comunidade escolar. Unha demanda que, resulta evidente, non calou en ningunha das institucións competentes no proceso burocrático que esixe”.

O portavoz da formación lembra que a tramitación leva máis dun ano atrancada.

“Primeiro foi a Xunta quen informou á dirección do colexio de que o requerimento debía partir do executivo municipal. Tras facer a correspondente solicitude ao Concello, o equipo docente leva agardando dende primeiros de maio pasado unha contestación. E parécenos que, ante o malestar veciñal que está a xerar, esta reivindicación debera ser atendida con máis axilidade e con máis sensibilidade tamén. Estamos a falar dun ornamento fascista, que rememora a data de construción do inmoble e que non só contravén a Lei da Memoria Histórica senón sobre todo á vontade das nais e pais que levan aos seus fillos a ese centro”, refire Fernández Rocha.

Esta non é a primeira vez que Lugonovo denuncia a falta de dilixencia dos organismos públicos nesta materia.  Tamén en 2016 os seus edís e a edil presentaron iniciativas para pedir a modificación da sinal acústica do semáforo sito entre a Ronda da Muralla e a rúa Luis Cordeiro debido a que, durante o paso dos peóns, se mantiña o nome de Ruíz de Alda como identificativo da vía. Asemade, advertiran da necesidade de corrixir, na rotonda da Campiña, as indicacións, aínda erradas, que se fan cara a Avenida Carlos Azcárraga por outras nas que xa figure o nome de Adolfo Suárez.

“Outra das actuacións que quedaron no tinteiro”, lamenta Rocha.