Lugonovo dá conta de que a policía local tramitou, ata finais de abril, 1452 multas dentro da campaña "Aparca con Xeito"

1452 multas. Ese é o balance que arroxa o “Aparca con Xeito” ate o pasado 27 de abril. A cifra correspóndese co 15% das denuncias tramitadas pola Policía Local, no que vai de ano, que ascenden a un total de 9.276 sancións.

Os datos dábaos a coñecer esta mañá Lugonovo tras interesarse polo resultado da campaña municipal de control de estacionamentos, tanto no que ten que ver co número de infraccións como pola cantidade de recursos públicos que precisou. “Preocupábanos que o desenvolvemento da actividade conlevara un abuso de medios  na súa execución, para garantir, nin máis nin menos, que se cumpra a lei xa que o obxectivo da iniciativa era vixiar, en cinco fases, que os automóbiles non aparcasen no carril bus, en zonas de carga e descarga, enriba das beirarrúas, en dobre fila ou en prazas reservadas a persoas con mobilidade reducida”, apunta Santiago Fernández Rocha.

As respostas facilitadas pola xefatura do corpo, neste senso, reflicten un cómputo total de 13 horas extraordinarias que se corresponden cun reforzo da quenda da mañá durante o pasado 17 de febreiro. “Unha xornada de venres, na que xa de por sí – refire a contestación – se concentra a maior carga de traballo de toda a semana en canto a servizos e na que concretamente,  ese día, se argumenta escaseza de persoal o que fixo necesario incremetar as dotacións con dous axentes”, explica o voceiro de Lugonovo.

Fernández Rocha traslada tamén que a Policía Local cursou un total de 12.413 infraccións en 2016 e 16.238 en 2015; é dicir, unha media de 34 e 44 multas ao día, respectivamente. “En calquera caso, para poder aparcar con xeito – matiza Rocha –  sería preciso que a cidadanía contase cunha alternativa que lle permitira estacionar como é debido, un escenario que parece moi distante ante a falta de ordenamento na materia que padecemos dende que se suspendeu, de forma improvisada, o sistema Ora”.

“Os lucenses levamos dende xullo de 2015 agardando por un regulamento eficaz da mobilidade pero a sensación é a de que esa solución nin existe, nin se lle espera. No seu lugar o goberno só se limitou a deseñar accións punitivas pero non foi quen de solventar as carencias actuais. Haberá que agardar aos datos completos da campaña, que rematou o 7 de maio, para facer unha avaliación pormenorizada da súa eficacia pero dende logo, a medida parécenos, cando menos, incompleta e moi afastada de resolver as demandas actuais da poboación”, conclúe o portavoz de Lugonovo.