Lugonovo alerta do extremo abandono do barrio das Gándaras

Ou herba ou roto. É para o que dan as, mal chamadas, beirarrúas de Torre de Doncos. Unha vía na que o saneamento, dos anos 70, nin sequera chega a tódalas casas.

“Falamos das Gándaras, non dunha aldea da Idade Media. Un barrio ninguneado polas administracións ate o punto de que a maleza domina sobre o asfalto”, denuncia Santiago Fernández Rocha. O portavoz de Lugonovo lamenta que termos como “urbanización” aínda non chegaran ata esta parte da capital.

“Agro do Monte é iso, agro e monte e algo de grava tamén; a Rúa das Areas, nin cunetas ten, só silveiras que crecen gustosas ás ribeiras da estrada. Ate a arteria principal, como é a Calzada, está chea de trampas para peóns, sen espazos seguros por onde camiñar pero con tubaxes sobresaíndo nos que se pode tropezar sen moito esforzo”.

É “o itinerario do esquecemento”, un percorrido desolador, impropio dun nexo de comunicación entre os arredores e o centro do municipio. “A situación de abandono afecta a prácticamente toda a zona: Pía Paxaro, Bolboreta, Monte Adairo e mesmo Vagalume, dúas localizacións, estas últimas, nas que a propia canalización tivo que saír, hai vinte anos, do peto dos veciños. E foi a única e a última intervención que viron os residentes”, advirte Fernández Rocha.

Tras esta penosa radiografía, os edís e a edil de Lugonovo cren que xa é hora de dotar á contorna dunhas infraestruturas a altura do século XXI, que remate co agravio de ser “veciñanza de segunda”  por vivir no extra radio. “Levamos dous anos reclamando melloras no barrio, denunciando as deficiencias en materia de servizos e sinalización viaria e todas acaban no mesmo sitio: no tinteiro dos compromisos que non chegan a materializarse nunca.

Tanto ten que dependa dos orzamentos locais, como doutros investimentos como pode ser o Plan Paradai”, afea Rocha. “Lugonovo chegara, en 2016, a un acordo co executivo para aprobar os presupostos agora prorrogados. O obxectivo era poñer en marcha un proxecto de Desenvolvemento Integral das Gándaras que solventase as eivas que afectan, especialmente, aos centos de persoas que habitan na marxe leste. É unha mágoa que, un ano despois – reprocha o voceiro da formación –  só se teña avanzado na multiplicación das carencias”.