Lugonovo pide mellorar a contía e os criterios de adxudicación da Risga

No País Vasco a contía mínima alcanza os 665 euros, en Navarra os 548 e en Canarias 472. En Galicia, a Renda de Inclusión Social sitúase nos 399€, unha cifra considerablemente menor á media do conxunto do Estado.

Pero non só ten relevancia o importe, senón tamén os criterios de adxudicación que, na nosa comunidade, son especialmente restritivos ate o punto de que só o 0’4% dos galegos se beneficia da súa cobertura, segundo os últimos datos facilitados polo Ministerio de Sanidade.

Números, raquíticos de por sí, que agochan graves realidades como reflicte a concelleira de Lugonovo, Cristina Pérez Herráiz. “A excesiva burocratización dos trámites e a falta de desenvolvemento dos tramos da prestación tradúcese en situacións dantescas como, por exemplo, que a unha nai separada lle deneguen a axuda porque o seu fillo recibe unha pensión de manutención.

Ou que, como solución,  a administración lle propoña renunciar á custodia do pequeno para poder cobrar a Risga”. A edil traslada a súa preocupación polas consecuencias nas que está a derivar esta xestión opaca, propiciada, fundamentalmente, pola ausencia dun marco lexislador.

“Levamos catro anos agardando a redacción do decreto que rixe a Lei de Inclusión Social de Galicia coa fin de poder aplicala e, mentres, a crise segue a golpear aos máis desprotexidos. En 2015 a pobreza extrema afectou a 132.000 persoas, especialmente familias monoparentais e mozos e mozas menores de 29 anos”, explica Pérez Herráiz.

O contexto obriga, segundo Lugonovo, a tomar medidas tamén dende os Concellos. Por iso, levarán ao Pleno de mañá unha proposta coa fin de instar á Xunta, dende o local, a elevar en 2018, nun mínimo dun 7% a dotación da achega para igualala á media estatal. Así como a impulsar o máis axiña posible, a elaboración das Disposicións que desenvolven a Lei 10/2013 de 27 de novembro de Inclusión Social de Galicia. Un documento no que deben quedar regulados, asemade, os tramos de inserción e transición ao emprego.