Lugonovo acada o apoio do Pleno para sacar adiante dúas novas propostas: concienciar nos colexios sobre aforro enerxético e instar á Xunta a mellorar a Risga

A Corporación aprobou esta mañá, por unanimidade, a proposta de Lugonovo de poñer en marcha, nos centros educativos, durante o vindeiro curso, unha iniciativa de aforro enerxético inspirada no Programa europeo 50/50.

“Trátase dun proxecto pedagóxico, encamiñado a involucrar á comunidade escolar para traballar na eficiencia das instalacións. Consistiría en que todo o que consigan  economizar revertirá de novo no propio colexio”, explica Iñaki García.

“A fórmula – abonda o edil – persegue multiplicar o efecto motivador e afianzar a concienciación dos máis novos sobre as estratexias globais que favorecen e protexen ao medio ambiente así como transformar o modelo enerxético actual partindo dunha cidadanía informada pero tamén beneficiaria do aforro que ela mesma xera”.

Cómpre lembrar que a administración local gasta preto de seis millóns de euros anuais na subministración da luz e o gas aos distintos inmobles dos que é responsable no seu mantemento. “Entre elas atópanse os colexios públicos de infantil e primaria, dotados con contadores de lectura propios, tanto de auga como de enerxía, o que supón dispoñer da principal ferramenta para a viabilidade e materialización da medida”, apunta o concelleiro García Gómez.

“Este é, sen dúbida, o mellor lugar para asentar nas novas xeracións o espíritu comprometido coa sustentabilidade”.

Por outra banda, Lugonovo tamén conseguiu, o apoio da maioría do Pleno para instar á Xunta de Galicia a mellorar tanto a contía como os criterios de adxudicación da Risga.