Lugonovo cre que o Pp acumula demasiados incumprimentos como para seguir confiando nas súas promesas de revitalizar a Residencia

“Haberá que velo para creelo”.

Nestes termos se refire a edil Cristina Pérez Herráiz ao xogo de palabras do conselleiro de Sanidade que onte transmitía o seu “enésimo presaxio”, de “anunciar o anuncio do proxecto de desdobramento do centro de saúde da  Milagrosa” antes de que remate o ano.

A concelleira, xunto con outros cargos públicos de Lugonovo e dunha representación de veciños do barrio da Residencia, acudía á sesión do Parlamento galego para escoitar, en primeira persoa, as evasivas de Jesús Vázquez Almuíña a unha pregunta formulada, ao respecto, por En Marea.

“O antigo Hospital Xeral leva seis anos esmorecendo. O mesmo tempo que os lucenses levamos asistindo ás escusas dos gobernos autonómico e estatal para non efectivizar ningunha das promesas que realizaron sobre o aproveitamento destas instalacións”, incide Pérez Herráiz.

“Só hai que remontarse ao 2012 para lembrar o compromiso de Pilar Farjas de crear nelas o devandito centro de saúde ademais dun Punto de Atención Continuada. Despois diso foron Ignacio Cosidó (ex director xeral da Policía Nacional) e Xosé Manuel Barreiro os que consideraron innegociable a posta en marcha, no mesmo edificio, dunha comisaría de Policía e ata o portavoz do Grupo Municipal, Jaime Castiñeira apostou por desenvolver na zona un xardín e unha área de xogos infantís. E así podemos seguir indefinidamente cos propósitos dunha residencia para asistidos e non asistidos e, para rematar, a máis imaxinativa de tódalas ocurrencias, a dun centro de emprendemento da industria aeronáutica, pendente de estudo. Moitas ideas, ningunha feita, indicador perfecto da credibilidade que ten a palabra dos representantes do Partido Popular”.

A edil de Lugonovo asegura, asemade, sentirse estupefacta ante o calado das declaracións de Almuíña que na súa exposición “amosou un descoñecemento alarmante da situación sanitaria do Concello de Lugo ao confundir o Sagrado Corazón coa Residencia e ao exaltar, iloxicamente, as bondades do Hula como un complexo de referencia en España por prestar servizos como o de hemodinámica e de radioterapia as 24 horas”.

“A realidade virtual que describiu onte o conselleiro só reflicte que as carencias que padecemos dependen exclusivamente da vontade política e que, por desgraza, os responsables de defender e garantir a saúde pública, lonxe diso, viven de costas á realidade, sosténdose no cargo só con fogos de artificio”, conclúe Cristina Pérez Herráiz.