Lugonovo insta á edil de Cultura a poñer fin á opacidade da revista do San Froilán e a regularizar a súa contratación

A concelleira Cristina Pérez Herráiz, vén de rexistrar varias preguntas para que Carmen Basadre explique cómo ten pensado dirixir a edición da revista do San Froilán deste ano.

Trala primeira das Comisións Especiais nas que se abordan os festexos, a edil de Lugonovo considera que é momento de que a titular de Cultura decida se “persevera no seu proceder escurantista ou se comeza a facer as cousas como é debido”.

“Aínda non sabemos cómo definir a relación entre o Concello e a empresa que se encargou da súa elaboración os últimos exercicios. ¿É acordo, é convenio ou é apaño? Sexa o que sexa, é cuestionable dende o punto de vista público e está por ver se tamén legal”, advirte Pérez Herráiz.

Para a edil de Lugonovo non é admisible o razoamento ofrecido por Basadre no seu día de que este “concerto” foi unha herdanza de mandatos anteriores – “xa se facía así”, foron as palabras textuais -. “Eso non é transparencia, é conivencia e, dende logo, nin o compartimos nin nos convence. Ao contrario, preocúpanos que, baixo o mesmo pretexto, a situación se perpetúe”.

Dende a formación cren que ás portas de xuño, hai tempo suficiente para emendar o procedemento e cinguilo á máis absoluta obxectividade.

“Quedan aínda catro meses para outubro, tempo dabondo para redactar os pregos dun novo contrato, garantindo a libre competencia e a igualdade de oportunidades. Iso é o que pedimos”, explica Cristina Pérez.

A concelleira non comparte o criterio do executivo que descartou modificar as bases para a adxudicación das casetas e caldeiros do polbo despois de quedar desertas, por impago, dúas das instalacións e agarda que, neste caso, Carmen Basadre reflexione sobre a idoneidade de manter “o método” en vigor para divulgar os programas e carteis do San Froilán.

“Din que rectificar é de sabios e a nós gustaríanos, por unha vez, non ter que sospeitar das estratexias de licitación que efectúa este departamento”, conclúe Cristina Pérez Herráiz.