Lugonovo pregunta polos avances na tramitación do permiso para a zona pública de baño

“Está a canción do verán e logo a promesa do verán. Un título que en Lugo osténtao, con sobrados méritos, a zona pública de baño”, ironiza Iñaki García. O edil de Lugonovo cre que se, ás portas de xuño, o goberno aínda non anunciou as datas da súa posta en funcionamento “leva moitas trazas de quedar posposta, como vén sendo costume, para o ano próximo ao seguinte. Será, seguramente, na semana aquela famosa que ten dous xoves”, augura.

Co mercurio collendo forza nos termómetros para asentarse, a realidade é que pouco ou nada se sabe da evolución que segue o proceso de tramitación deste espazo de ocio. Un asunto sobre o que Lugonovo interpelará ao executivo na vindeira Comisión de Desenvolvemento Sostible.

“Queremos saber cánto de avanzado está o proxecto, qué pasos se levan dado e sobre todo, cáles restan e da vontade de qué organismo dependen – di García Gómez, en alusión directa á Confederación Hidrográfica – “que, ate o de agora, amosou non ter nin demasiada présa nin sensibilidade dabondo coas necesidades e demandas dos lucenses”, un déficit de xestión que o concelleiro achaca por igual á administración local ante tardanza e a pouca determinación coa que abordou esta cuestión.

A agrupación municipal tamén solicitará información sobre o estado no que se atopa a redacción do prego técnico que rexirá o concurso de adxudicación do servizo de aluguer, instalación e mantemento da devandita área.

“A adquisición das piscinas flotantes, das estruturas modulares, o seu montaxe e desmontaxe, ou mesmo o servizo de vixilancia son aspectos sobre os que a penas se coñecen detalles máis aló do que transcendeu no mes de marzo. Esa falta de concreción, os poucos pasos que se levan dado e tamén a premura imposta polas datas nas que nos atopamos condúcenos a pensar que, en 2017, a praia fluvial, no canto dun oasis no Miño, seguirá sendo un espellismo”, conclúe Iñaki García.