Lugonovo cre que o grave déficit da inspección tributaria local converte á cidade no paraíso fiscal das grandes empresas

Un máximo de oito actas na última década, antes… NADA.

Esa foi toda a labor de control sobre o ICIO desenvolvida polo departamento municipal de Inspección. 

E a última desas investigacións data de 2013. “Pódese dicir que, en materia de persecución da fraude, Lugo arrastra anos e anos do máis absoluto baleiro”, advirte Santiago Fernández Rocha e explica: “Nos seus mellores tempos, con anterioridade ao 2008, o Concello concedía unha media anual superior ás 500 licenzas de obra maior –  as que están sometidas ao Imposto de Construcións e Obras – , agora rondan as 350. En 2016 foron, exactamente, 380 pero, en calquera caso, sumando as autorizacións outorgadas nos últimos 4 exercicios, ningún deses inmobles, máis de 1500, foi inspeccionado tributariamente”.

Para o portavoz de Lugonovo esta é a mostra clara de que a cidade leva máis dun lustro sendo un “auténtico paraíso fiscal para os construtores, a evidencia de que nin se quixo, nin se quere que as cousas funcionen como é debido”. A raquítica actividade do servizo, vén dada, en parte, pola escaseza de recursos que sofre, tanto a nivel persoal como material. “Os anteriores gobernos foron amortizando, ou o que é o mesmo, suprimindo os postos que se xubilaban. De 6 traballadores que había, só quedan 4 e un está a punto de retirarse. A mesma organización se reflicte na vindeira RPT o que contrasta coa dotación da que se dispón en Ourense, un municipio de similar configuración ao noso, no que esta oficina conta cunha ducia de empregados; é dicir, que triplica á de Lugo”, subliña Fernández Rocha.

“Non é de extrañar que tamén a recadación respecte as mesmas proporcións. Mentres que Pontevedra, en 2016, conseguiu recuperar 3’2 millóns de euros en concepto de débeda contra a Facenda Local, en Lugo non se chegou ao medio millón”. A meirande parte dese diñeiro provén da plusvalía, o que traducido, significa para o voceiro de Lugonovo que “toda a presión se exerce sobre o pequeno contribuínte pero non sobre as grandes empresas”.

¿O motivo?

“Para empezar, non existe ningún convenio entre as administracións local e estatal que posibilite o acceso á información sobre o IAE, de maneira que o inspector do Concello carece dos datos para poder comprobar a veracidade do declarado polas compañías que superan o millón de euros de facturación”.

“É máis, por non ter, nin sequera dispoñen dun programa informático que facilite o seu traballo. Todas as anotacións quedan rexistradas, polo xeral,  a man, recollidas en montañas de expedientes que se amorean sobre as mesas e as cadeiras dun local que non alcanza os 15 metros cadrados no que, á parte de cumprimentar e almacenar a documentación, tamén se efectúan as comparecencias”.

Nestes momentos, o departamento dedícase a cotexar, por primeira vez en 30 anos, que as eléctricas tributan adecuadamente pola ocupación do solo o subsolo e voo, trala denuncia feita, hai meses, por Lugonovo. “Pero aquí hai moito traxe para tan pouco corpo”, advirte Rocha, “porque son moitas as taxas que se deben supervisar ademais do IAE, o ICIO e a Plusvalía. Por non falar do libre albedrío do que desfrutan as concesións administrativas, especialmente as que non teñen contrato, que nin tan sequera poden ser examinadas pola Inspección municipal”.

Aínda que trala entrada en vigor da nova Lei de Presupostos deixará de ter consideración a cualificación de “servizo esencial”, o Concello de Lugo decretouno como tal, por primeira vez, en 2016 debido á súa transversalidade, mais a Relación de Postros de Traballo que se está a abordar persiste no seu desmantelamento. “É como sacarlle os dentes para que non morda”, compara Santiago Fernández Rocha, “unha falta de valentía política que resulta continuísta coa herdanza de Orozco e que opera en contra da defensa dos intereses da cidadanía e en beneficio dos de sempre”.

“Dende Lugonovo pedimos en Pleno, ao pouco de chegar á Corporación, que se incrementase a loita contra a Fraude Fiscal, un obxectivo cara o que non se deu nin un só paso pero que, cando se dota de ferramentas obtén resultados como sucedeu en Santiago onde, en catro anos, se recobraron máis de once millóns de euros”. “Ante esta realidade, non podemos admitir que o executivo pense en incrementar o importe de prestacións básicas como, por exemplo, a auga, sin que antes atalle a previsible bolsa de fraude que afecta a esta administración”, conclúe Santiago Fernández Rocha.