Lugonovo denuncia atrasos na emisión do recibo do IBI

A emisión dos recibos do IBI iniciouse, este ano, case cun mes de demora na súa tramitación o que reduce a pouco máis de tres semanas o prazo de tres meses que estaba establecido como período voluntario de pagamento (do 20 de abril ao 20 de xuño).

“As primeiras cartas notificando que xa se pode abonar o imposto, están a chegar estes días aos domicilios, é dicir, que as présas son agora para os contribuíntes. Ben é certo que, polo xeral, os lucenses xa contan nestas datas con este recibo pero igual de certo é tamén que a administración debería traballar coa mesma previsión que se lle esixe ao cidadán no que ten que ver co cumprimento das súas obrigas”, apercibe Santiago Fernández Rocha.

Para o portavoz de Lugonovo esta é unha nova mostra do “desastre organizativo” que afecta á institución local. “O cobro dos tributos está, polo xeral, estacionalizado; resólvense sempre na mesma época do ano segundo o gravame do que se trate, co cal non entendemos que sucedan estas cousas. En todo caso, o que queda patente é que o executivo parece non ser consciente da sobrecarga de traballo que teñen, puntualmente, algúns departamentos. De ser así existiría unha mellor planificación capaz de dotalos dun reforzo de persoal cando se produce unha acumulación de tarefas, como aquí acontece”.

Fernández Rocha considera que este non é o único aspecto que falla dentro do proceso de recadación. “O que non pode ser, como xa ten sucedido, é que algún veciño reciba antes nas súas casas  o recargo que a propia notificación da taxa. A sensación que se transmite, cando así ocorre, é a de que o Concello ten maior vocación sancionadora que de mera equidade fiscal”. “O máis grave de todo é que, dende hai máis de dez anos, está a disposición dos lucenses, áinda que moitos non o saiban, un sistema de alertas ao que se poden subscribir de forma gratuíta para que todos estes avisos lles cheguen ben a través de Facebook, do Sms ou do Correo Electrónico. O que non entendemos é por qué o goberno, en vez de divulgalo, o agocha, como se quixesen que niguén se enterara da súa existencia”.

A reflexión do voceiro de Lugonovo chega tras comprobar que só hai anotadas no programa 5393 persoas. Esta ferramenta permite enviar información personaliza sobre cuestións como o cobro de impostos, o prazo de solicitude para as vivendas sociais, o censo electoral, cursos, emprego público e toda unha morea de actividades educativas, culturais, etc…

“Preguntarémoslle ao goberno por qué non hai nin rastro do “TODO O CONCELLO NO TEU MÓBIL” na páxina web.

Cremos que debe ofrecer unha explicación das causas polas que esta prestación, de gran utilidade para a poboación, non se publicita en absoluto”. Santiago Fernández Rocha entende que a súa difusión evitaría, en moitas ocasións, o pago de recargos, redundaría na eficacia da función e dos recursos públicos e pularía pola igualdade de oportunidades e a concorrencia. “Valores, polo que se aprecia, que o  executivo non ten intención de promover. Asemade, instarémolo, a que no próximo prego de condicións para a adxudicación do servizo 010 (responsable do programa), actualmente sen contrato, se engada o WhatsApp como outro dos procedementos para remitir este tipo de notificacións”.