Lugonovo advirte que unha parte do peche do Auditorio leva varios días derrubado

Vai camiño de converterse nunha segunda Ponte Branca ou Cuartel de San Fernando. A edil de Lugonovo, Cristina Pérez Herráiz, advirte que, dende hai varios días, parte do peche que delimita o novo Auditorio atópase derrubado o que posibilita o acceso ao edificio.

“Se cadra, cando nos permitan a visita ao resto da Corporación, levamos algunha sorpresa”, ironiza a concelleira en alusión á petición, sen froito aínda, que a oposición fixo en 2016 para coñecer o resultado das obras.

“É unha mostra máis do regateo ao que xogan as administracións con esta instalación cultural. Levan investido nela unha fortuna para que agora esmoreza nun estado de absoluto abandono”. Pérez Herráiz quere saber se o goberno local é coñecedor da situación de inseguridade na que se atopa o recinto.

“Gustaríanos que se explicara quén se encarga da vixilancia do centro e cómo. ¿É a Xunta, a empresa construtora ou pode actuar o Concello para evitar desperfectos antes da súa recepción, se o considera preciso? Por outra banda, ¿que foi o que aconteceu para que unha parte do cerrume se viñera abaixo e qué impide, agora mesmo, que alguén entre e poida ocupar o inmoble ou estragalo?, porque dende logo, un precinto de plástico, que é o que se aprecia na foto, non nos parece suficiente”. Cristina Pérez cre que o Auditorio vai polo mesmo camiño que outras dotacións moi importantes para a cidade como son a nova ponte do Miño ou o futuro Museo da Romanización.

“A falta de entendemento entre os distintos gobernos condena a estas infraestruturas a quedar en terra de ninguén. Os convenios que rixen a súa conservación pasan anos e anos paralizados, á mercé dun acordo definitivo de cesión que nunca chega porque así tampouco ninguén ten a obriga de responsabilizarse do seu mantemento.  Parece que non reparan en que a estratexia, ao final, a quen lle sae cara é á cidadanía que dispón de todo a medias”, conclúe.