Lugonovo rexeita de cheo a exención do Ibi á Xunta e propón unha alternativa para que os lucenses non teñan que asumir o remate do Auditorio

“Porque é unha decisión irresponsable, porque hipoteca durante anos ao Concello e porque non prioriza o interese xeral senón que, enmarcada nunha calamitosa transacción, instrumentaliza os medios públicos con claros fins electorais”.

Deste xeito, Santiago Fernández Rocha, motiva a proposición que Lugonovo levará ao vindeiro Pleno para rexeitar o intento do executivo de que sexa a cidadanía a que financie o remate do novo Auditorio. A alternativa pasa por elaborar un acordo a tres bandas. “O que nós propoñemos é que a Xunta aporte os mínimos aos que xa se comprometera sen que o Concello lle perdoe nada a cambio.

O goberno, pola súa banda, pode empregar os remanentes de tesourería que son de libre disposición así como conveniar coa Deputación o importe que resta polo uso futuro das instalacións” – explica o voceiro. “O que está claro é que do peto dos lucenses non pode saír nin un euro máis porque a alcaldesa non saiba negociar, nin queira xestionar”. Fernández Rocha refire que esta opción, considerada plausible pola Intervención municipal,  debe adecuarse a varios requisitos que marca a Lei de Estabilidade Presupostaria.

“Neste intre os remanentes de tesourería para gastos xerais son 20.032.173’64 euros, o que supón un indicador claro da liquidez da institución. Ese é o primeiro condicionante co que Lugo cumpre sobradamente. Despois de respectar os imperativos para amortizar débeda e de garantir a promoción da economía sostible quedaría aínda unha partida moi destacada para libre disposición á que se podería recorrer para o devandito fin, coa debida prudencia de ter en conta outras obrigas legais que poidan mermar esta cantidade.  Mais para poder botar man destes cartos queda un terceiro paso, o máis difícil: reducir o período medio de pago aos proveedores para que se axuste ao que contempla a normativa sobre morosidade. Ahí é onde está o reto. E, polo que se ve, a señora Méndez non está disposta a aceptalo. Prefire deixar en mans alleas que lle solucionen a papeleta”. A formación lembra que, dende o primeiro momento, amosouse moi crítica coa determinación de intercambiar coa Xunta de Galicia o equipamento do edificio polo Ibi de varios centros sanitarios, “coma se fosen cromos. O que xera unha visión moi desalentadora das súas capacidades para dirixir a Corporación”.

“Aceptou, sen pestanexar, a chantaxe de Núñez Feijoo e, por riba, camufla a ocorrencia baixo a aparencia dun mal menor. Este non é o remedio necesario, é o consentimento tácito a unha extorsión en toda regra”. O voceiro de Lugonovo reproba que a “rexedora transixa compracente ás pretensións descaradas do executivo galego”.

“Pretende vender que vai o comido polo servido: os 3’6 millóns do Auditorio polos 3’6 millóns do imposto de bens inmobles que suman cinco centros asistenciais da capital.  Pero non llo compramos, porque Lara Méndez esquécese de que a administración autonómica, hai uns meses, puxo enriba da mesa a súa intención de investir 1’2 millóns máis na dotación cultural sempre e cando os organismos provincial e local completaran o orzamento preciso, unha fórmula que nós insistimos en recuperar”. “Se a oferta era mala – continúa Rocha –  agora volveuna pésima renunciando directamente a eses cartos e asumindo, dunha forma indirecta, os tres millóns e medio enteiros”.

O portavoz de Lugonovo insiste: “o goberno tiña que defender o que nos corresponde e vixiar que se cumpriran os compromisos co municipio. Tocáballe liderar o proceso de negociación e sabía que o resto de organizacións o respaldariamos nese cometido, pero preferiu instalarse na comodidade. Unha actitude, xa o advertimos, coa que non concordados e que tampouco avalaremos”.