Lugonovo anima ao Concello a sumarse á aplicación web "Compartir Coche"

Logroño, Murcia, Irún, Santander, Getafe, Córdoba ou Sevilla son algunhas das moitas rexións nas que esta iniciativa funciona dende hai anos, impulsada dende as administracións locais. O papel da institución consiste en posibilitar que, mediante unha aplicación, a páxina web municipal sirva como portal de encontro para aquelas persoas que queiran Compartir Coche.  

“Trátase de facilitar unha alternativa máis sustentable na mobilidade, aminorar a contaminación e promover un uso racional do automóbil privado para diminuír o seu consumo enerxético, mellorando tamén a utilización do espazo público”, apunta Santiago Fernández Rocha. O portavoz de Lugonovo refire como exemplo o caso de Bilbao, onde o emprego desta ferramenta dixital, que leva máis dunha década en vigor, contribuíu a reducir, cada exercicio,  529 toneladas de emisións de CO2 e a retirar da circulación un promedio diario de 1.200 turismos.

“Por non falar do importante matiz económico que tivo para os usuarios e que se traduce nun aforro anual estimado entre os 587 e os 1073 euros por vehículo, segundo o seu nivel de ocupación”. Fernández Rocha abonda na proposta.  “Estamos a falar dun servizo totalmente gratuíto que se xestiona a través da web do Concello, co único requisito de que os participantes inscritos identifiquen as súas preferencias: o itinerario que queren realizar, se dispoñen ou non de coche, o motivo do desprazamento así como toda unha serie de datos que facilite atopar compañeiros e compañeiras de viaxe que coincidan co seu perfil. A partir de aí e a través do correo electrónico, establécese, de forma inmediata, e sen intermediarios, o contacto entre eles”.

Compartir Coche xurdiu nos Estados Unidos durante a Segunda Guerra Mundial para facer fronte á escaseza de combustible.

Aínda que a crise favoreceu esta práctica, hoxe son tamén outros motivos os que conseguiron que máis de 70 países de todo o mundo e decenas de localidades en España apoien o desenvolvemento desta prestación. “Lugo non pode quedar atrás nesta aposta decidida pola sostenibilidade e as políticas medioambientais entre outros aspectos porque este xesto ten un custo mínimo en comparación cos beneficios que pode reportar para a cidade”, engade o voceiro quen tamén destaca a necesidade de acompañar a medida dunha adecuada campaña de información e sensibilización.

A  suxestión de Lugonovo vén a sumarse a outras xa impulsadas pola formación neste ámbito como son incluír unha bonificación na ordenanza reguladora do IAE para aquelas empresas que establezan un plan de transporte para os seus empregados ou a creación de estacionamentos disuasorios nas entradas da capital que estean permanentemente conectados co centro mediante buses lanzadeiras.