Lugonovo alerta do chamativo nivel de descoido da área dotacional na contorna de Garabolos

“Esquiva a silva”!!!

Podería ser o nome da próxima actividade deportiva que convoque o Concello na contorna da Avenida Infanta Helena.

A retranca do portavoz de Lugonovo pretende trasladar a calamitosa situación na que se atopa a área urbanizada entre o Centro Comercial de Duquesa de Lugo e a Avenida Paulo Fabio Máximo. “A maleza chega ata as orellas na maior parte das parcelas nas que se dividiu a extensión. Só se libran as canchas de fútbol e baloncesto e un pequeno terreo rodeado de bancos ao principio do recinto. O resto parece unha xungla. De deixalo así, valía a pena que o goberno valorase destinalo á práctica do paintball ou para entrenamento militar. Sobra onde agocharse con tanta barricada”.

A suxestión de Santiago Fernández Rocha pasa por organizar unha “ruta dos toxos”, aproveitando que a exuberancia da vexetación aínda permite pasear por metro e medio de beirarrúa, programar unha xincana que sortee os montículos de escombro que se amorean en varios treitos “e rematar a excursión cunha carreira de relevos ata atopar a primeira papeleira”. “A xornada, que podería ofertarse como actividade de risco, por aliciente, concluiría cunha sesión de solario intensiva a escoller, para o seu desfrute, na totalidade deste parque de ocio e multiaventura”.

Das bondades dese bronceado poden dar boa conta – segundo Rocha – os poucos cativos que se atreven a visitar a zona de xogos, completamente exposta á intemperie. “Se cadra, se deixan medrar un pouco máis as silveiras do arredor, dan unha sombra xeitosa!” O voceiro de Lugonovo agarda que esta nova perspectiva sobre a imaxe que reflicte este punto da cidade convide ao executivo a rematar co abandono que sofre e que o relega a permenecer inutilizado pese ao forte investimento que recibiu no seu día.

“Agora mesmo, o emprazamento sería unha instalación idónea para a conservación de reptís, pero cómpre pensar nas persoas, non nos lagartos”, afea Fernández Rocha, quen adianta que a formación trasladará unha petición ás comisións deste mes para que se limpe e adecente o lugar e se teña en conta, ademais, a posibilidade de cubrir cunha carpa o xardín infantil así como dotar o espazo de árbores que animen á tertulia e ao reposo pensando non só na veciñanza do barrio senón tamén en tódolos lucenses que empregan esta estrada para camiñar e facer exercicio”.