O Banco Popular desaparece definitivamente, e con el o ultimo dos bancos galegos

Dende Lugonovo queremos mostrar a nosa preocupación pola recente adquisición por parte do Banco Santander do Banco Popular, polo prezo de saldo de 1 euro.

A adquisición faise nunha situación de quebra bancaria, mediante un novo mecanismo que permitiu que as accionistas e as acredoras do banco financiasen a compra, quedando estas sen ningún dereito.

Este movemento colleu polo medio a 60.000 pequenas accionistas galegas que perderon a totalidade da súa inversión. O Banco Popular mercara no ano 2012 o Banco Pastor, un dos antigos bancos de capitalidade galega. Este primeiro proceso de reestruturación bancaria saldarase co peche de moitas oficinas e ca eliminación de 1.200 postos de traballo entre oficinas centrais e sucursais, os últimos 400 nun ERE durante o ultimo trimestre do ano pasado. O Banco Popular ten en Galicia máis de 230 sucursais a día de hoxe, cun total de 1.200 empregadas, e unha cota de mercado do 20%.

Ten uns 20.000 millóns de euros entre créditos e depósitos galegos, e o numero de clientes aquí é de case 700.000, dos que máis de 120.000 son pemes, autónomos e comercios. Conta ademais ca particularidade de que ten a Fundación Barrié do antigo Banco Pastor, unha entidade que pula polo desenvolvemento do país cunha obra que vai dende conceder bolsas para o estudo de postgrados, ata financiar a restauración do Pórtico da Gloria, entre outras moitas cousas. Conta tamén cunha importante biblioteca e arquivo, e con diferentes obras artísticas de destacado valor. 

En Lugonovo preocúpanos o futuro desas 1.200 persoas que verán perigar o seu posto de traballo ante a duplicidade de oficinas que se dará en mais de cen concellos galegos. Nunha situación, por outra parte, de clara insuficiencia de servizos (entre outros bancarios) no rural. Preocúpanos tamén a monopolización dos servizos bancarios por parte dunhas poucas empresas, que no futuro terán como consecuencia previsible o empeoramento e encarecemento do servizo para as consumidoras.

Por ultimo, preocúpanos que este país non teña institucións económicas de seu, dependendo a capacidade empresarial e industrial de que os de fora permitan acceder ao crédito de todas as galegas a quen os seus informes económicos e financeiros dicten, ca clara consecuencia de que finalmente a nosa capacidade de aforro repercutirá noutras zonas mais desenvolvidas e apetecibles para o capital. 

O deputado de En Marea, Manuel Lago, xa pediu as oportunas responsabilidades políticas e empresariais (de mala xestión) nas cámaras correspondentes. Compre que non esquezamos o regalo que fixemos a un empresario venezolano con Novagalicia Banco, que pouco despois de venderse por 1.000 millóns de euros xa estaba dando centos de millóns en beneficios.

En Marea ten un proxecto político para este país, que neste caso pasa pola creación dunha Banca Publica Galega que evitaría definitivamente a especulación cos nosos aforros.

Edificio Banco Pastor (Foto: Marvelshine-Wikipedia)