Lugonovo propón que o Concello se sume á Declaración de Sevilla sobre Economía Circular

Lugonovo levará ao próximo Pleno unha proposición para solicitar a adhesión do Concello á Declaración de Sevilla; un tratado co que as cidades asinantes amosan o seu compromiso firme en prol da Economía Circular.

O documento, auspiciado o pasado mes de marzo dende a Federación Española de Municipios e Provincias, supón, segundo os edís e a edil da formación, unha nova ferramenta para aquelas administracións decididas a pular pola sustentabilidade e as políticas verdes. “Dende Lugonovo entendemos que os gobernos locais xogan un papel importantísimo nesta tarefa, pola súa proximidade á cidadanía – explica o portavoz –  en tanto son os primeiros que deben promover, dende o público, que o valor e a vida útil dos produtos e materiais se manteña no tempo”.

Santiago Fernández Rocha abonda na iniciativa. “Subscribir a Declaración significa apostar por un novo modelo de desenvolvemento urbano, sostible e inclusivo, capaz de diminuír o impacto ambiental e climático que o patrón actual ten sobre a saúde das persoas. Estamos a falar de que a contaminación atmosférica supón unha auténtica ameaza para o planeta que, segundo datos da OMS, só en 2012, ocasionou 7 millóns de mortes”.

“A nosa proposta pretende propiciar un exercicio de responsabilidade para que, dende o ámbito institucional, se poñan en marcha estratexias que favorezan o vertido cero, a reciclaxe, a redución de desperdicios alimentarios e mesmo a reutilización e o ecodiseño”, subliña o voceiro.

Pola súa transcendencia e utilidade, máis de 60 municipios de toda España respaldaron xa o devandito texto que inclúe ao redor dunha ducia de liñas de actuación diferentes, entre elas solicitar o apoio político e económico da Unión Europea, favorecer os instrumentos de cooperación entre rexións ou involucrar á comunidade científica para a investigación na materia, mellorando a concienciación, sensibilización e participación da veciñanza.

“Trátase, en conclusión, de que o Concello se poña como meta transformar aos consumidores en ususarios e reemplazar o sentido da propiedade polo sentido do servizo prestado”, conclúe Santiago Fernández Rocha.