A Coordinadora de Lugonovo abordará nas vindeiras semanas a nova organización do Grupo Municipal trala renuncia de Fernández Rocha

Esta tarde Santiago Fernández Rocha, anunciaba en rolda de prensa a súa intención de abandonar a portavocía do Grupo Municipal para reincorporarse ao seu posto na ensinanza.

“Hoxe quero comunicarvos a miña decisión de reincorporarme ao meu posto de traballo como docente. En consecuencia, nas vindeiras semanas deixarei a portavocía municipal de Lugonovo. Foron dous anos de intenso traballo municipal, nos que foi unha honra representar esta novo xeito de facer política. No ecuador deste mandato, coincidindo coa fin do curso político e coa decisión meditada dende meses atrás de non presentarme ás seguintes eleccións municipais, é o meu desexo deixar paso a outra xente. O meu compromiso con Lugonovo e coa cidadanía segue intacto, mais agora será dende posicións máis modestas”, explicou o voceiro.

Fernández Rocha avanzou que, polo momento, continuará como edil do Concello de Lugo e que en próximas datas, e tras abordar con calma o proceso interno que agora se abre, Lugonovo dará conta da vindeira organización do Grupo Municipal.