Lugonovo reduce a 60 aparcadoiros todo o esforzo do goberno en materia de mobilidade sostible

“60 aparcabicis. Ese foi todo o esforzo que leva feito o goberno local para potenciar o uso da bicicleta na cidade, á marxe de pintar as indicacións de preferencia no carril da Ronda da Muralla”.

O edil de Lugonovo, Iñaki García, afea a falta de iniciativas que, nesta materia, leva desenvolvido a administración no que transcorreu de mandato. “Vai camiño de cumprirse un ano dende que se instalaron esta sorte de estacionamentos no Casco Histórico. Vendéronse publicamente como a primeira das medidas que se porían en marcha para favorecer o transporte sustentable pero, dez meses despois,  salta á vista que foi a única”, reprocha García Gómez quen tilda a “aposta municipal” de “raquítica , insuficiente e simplista”.

Partindo da promesa de extendelos por outros barrios da cidade, ata o cumprimento dos acordos plenarios de recuperar o programa Rebicíclate, “todo está por facer” segundo o concelleiro que, nunha nova ocasión, interpelará ao responsable de Desenvolvemento Sostible ao respecto.

“Queremos saber se, realmente, o executivo prevee acometer algún proxecto decidido a priorizar ás persoas dentro da mobilidade e, para pedir máis información, esta semana levaremos varias cuestións á Comisión correspondente. No seu día a resposta que obtivemos foi que o Concello estaba a estudar unha alternativa a este servizo de alugueiro que contara cun maior regulamento e que posibilitara a instalación de máis bases así como a dotación de persoal que se encargara da súa recarga. Mais, medio ano despois desta contestación, a realidade é concluínte: só asistimos a unha política de xestos, pero avances houbo cero”, resume Iñaki García. Dende a formación apuntan á necesidade de recuperar a prestación, incorporando bicicletas eléctricas, xa dispoñibles noutras capitais como Madrid, Tenerife ou San Sebastián, así como novos aparcadoiros en espazos de moitos tránsito como poden ser os centros educativos, comerciais e mesmo de importante concentración empresarial como os polígonos industriais.