Lugonovo acusa ao goberno de seguir "mirando para o tendido" no canto de traballar para que tributen as empresas enerxéticas

“Cómpre empezar polos cimentos”.

Así se refire o portavoz de Lugonovo á necesidade de que o Concello inicie canto antes un inventario da rede de infraestruturas eléctricas, gasísticas e telefónicas coa fin de que estes datos sexan os alicerces para elaborar as ordenanzas que gravarán a estas compañías pola ocupación que fan do espazo público.

As nosas propostas para que estas grandes empresas tributen ás arcas municipais levan agardando máis de medio ano sen que o goberno dera un só paso para materializalas. A normativa precisa dunha base sobre a que sustentarse e ese fundamento non é, nin máis nin menos, que un estudo pormenorizado da cantidade de kilómetros de conexións que teñen espalladas polo municipio e das que se benefician coa súa explotación”, explica Fernández Rocha.

Non ter avanzado absolutamente nada neste sentido supón, a xuizo do voceiro da agrupación, a evidencia máis palpable da escasa vontade que o executivo ten para rematar coa amnistía financeira da que gozan as operadoras enerxéticas. “Está claro que prefire mirar para o tendido, en vez de intervir nel, consentindo que se perdan moitos cartos”.

“Existe un marco legal e hai precedentes xurídicos que avalan a lexitimidade das administracións para impoñer estas taxas a prol dunha equidade fiscal, mais a de Lugo parece non ter moito interese en traballar nesa dirección”, afea Fernández Rocha quen tamén asegura que “non se trata de inventar nada novo, senón que outros regulamentos similares xa funcionan noutras localidades e poden servir de guía ou inspiración”.

“Esta ordenanza debera ser un obxectivo para poñer orde nun sector que goza do libre albedrío en materia de control económico – apunta Fernández Rocha – e, para iso, hai que empezar polo básico: saber cantas instalacións existen para desenvolver, a continuación, o procedemento adecuado que garanta que estas empresas pagan segundo estipula a lei”, conclúe Fernández Rocha.

Lugonovo acadara o apoio plenario da Corporación, en novembro e xaneiro pasados, para que tanto as subministradoras de luz, auga e gas como as de telefonía móbil contribuíran á economía local na medida que lles corresponde e coa fin de que eses ingresos revertiran logo na cidadanía.