Lugonovo cualifica de "trágala" o Plan de Investimentos do goberno

“É a enésima mostra da prepotencia dun goberno que, en abafante minoría dentro da Corporación, insiste en manter os erros que conducen a este Concello á deriva”.

Así é como o voceiro de Lugonovo describe as formas coas que o executivo aborda a negociación do paquete de investimentos que pretende levar ao vindeiro Pleno. “O consenso foi tal que, máis alá dun comentario espontáneo, as partidas concretas as coñecemos realmente esta mañá, gran reflexo do seu talante democrático e da consideración que teñen co resto dos grupos”, asevera Santiago Fernández Rocha, “vese que están abonando a fondo o campo das negociacións de cara aos próximos orzamentos”.

“Se a oposición ten dignidade – continúa Rocha –  en ningún caso pode aceptar o que a todas luces é un trágala: unha manobra táctica orquestada dende a soberbia política de quen sendo 8 actúa como se fosen 16. O seu é poñer contra as cordas, acantoar ao de en fronte con procedementos dictatoriais como se aprecia no feito de decidir unilateralmente as distintas asignacións, condicionando o voto a unha proposta que xa vén cociñada”.

“É, dende logo, unha argucia en toda regra pensada máis con fins electoralistas que no interese xeral porque, como é habitual, quen paga logo as consecuencias dos pratos rotos destas estrataxemas é a cidadanía”, advirte Santiago Fernández Rocha.

Dende a formación, os edís e a edil refiren que a información da que dispoñen é tan raquítica que agardarán a ter os expedientes completos para poder valorar con rigor os detalles das partidas que se contemplan. “Agora mesmo só coñecemos cal é o montante global pero non sabemos nada das accións precisas ás que se destinaran todos eses cartos: qué prioridade se lle deu ás necesidades dos barrios para acometer os asfaltados programados, qué melloras se prevén para o abastecemento domiciliario da auga potable e ónde,  qué proxecto teñen para rematar a Praza de Abastos, cómo se vai acondicionar o famoso leiraparking, etc… Aspectos, todos eles, sobre os que non se facilitou ningún detalle”.

“É unha magoa – remata Fernández Rocha – que a medio camiño xa, este equipo de goberno continúe a viaxe sen acender as luces largas e cunha altura de miras tan corta”.