Lugonovo aplaude que, por fin, Monbus acate a imaxe corporativa do Concello

Os edís e a edil de Lugonovo amosan a súa satisfacción porque, por fin, os autobuses urbanos da cidade muden de color para adaptarse á imaxe corporativa do Concello.

Un factor, segundo o voceiro da formación, que non é nimio ante a repercusión económica que tiña para a empresa. “Alegrámonos de que coa revisión do plan de transporte, o goberno asumira esta reivindicación de Lugonovo. Trátabase de defender os intereses da institución porque non era de recibo que a concesionaria levase dez anos publicitando gratuitamente a súa marca”, manifesta Santiago Fernández Rocha.

O portavoz repróchalle ao goberno que tardara un ano en impoñerlle a Monbus un aspecto que o propio contrato obrigaba a cumprir en tres meses dende a súa sinatura, e que levaba aparellada unha sanción grave, con multas de entre 401 e 1000 €. “Esta lasitude, sospeitosamente cómplice, obsérvase igualmente no feito de que o executivo aínda non puxese en marcha os mecanismos informáticos que permiten levar un control exhaustivo dos kilómetros percorridos polos vehículos da flota, de maneira que non ten como comprobar a veracidade dos datos que, ao respecto, facilita a empresa e polos que esta cotiza”, advirte Fernández Rocha quen tamén pon de manifesto que se trata dunha das concesións más onerosas para as arcas locais.

Ao seu xuízo, unha “falta de supervisión absoluta” que posibilita o albedrío operativo non só desta compañía senón de todas as que teñen algunha licitación en vigor. “En outubro de 2015 acadamos o apoio da Corporación para que, de forma continuada, os técnicos municipais avaliaran a calidade dos servizos externalizados e, dende aquela, seguimos agardando a que se dea un só paso para efectivizar esta fiscalización”.

Por outra banda, os concelleiros e a concelleira da formación afean ao equipo de goberno por non convocar a Comisión de Mobilidade, tal como se acordara en sesión plenaria, para, polo menos, explicar as vindeiras modificacións que experimentará o transporte público da cidade, “ninguneando unha vez máis á oposición”. “A única información da que dispoñemos sobre esas variacións é a do relato da prensa. Mais do que transcendeu, está claro, que o executivo non tivo a ben incorporar ningunha das propostas que lles fixemos chegar durante todos estes meses”, explica o voceiro.

Entre elas, Lugonovo apostaba por ofertar un bus á carta no rural coa fin de axustar a prestación á demanda real das parroquias, incidir na reorganización das paradas así como ampliar os traxectos a zonas do municipio que actualmente carecen de liña propia. Tamén se suxeriu facilitar ao bus a preferencia semafórica para volvelo máis áxil e eficaz. “Una mágoa  – conclúe Santiago Fernández Rocha – que este goberno prefira comprometer os intereses dos lucenses e caer na compracencia con tal de que lle fagan o traballo”.