Lugonovo interpelará á Xunta pola salvaxe talla de Calde

“Non é unha talla, é unha aberración”.

Nestes termos se refire Iñaki García á deforestación salvaxe que a Xunta levou a cabo en Calde. “Dun bosque fixeron un deserto baixo o pretexto de garantir a seguridade. Un aspecto polo que non se preocupan na mesma medida cando do que se trata e de previr incendios”.

O edil de Lugonovo cualifica o calado da intervención de desproporcionado e incluso prexudicial para os usuarios e traballadores das instalacións sanitarias próximas que sufrirán, a partir de agora, a súa ausencia. “Do que se trataba era de conxugar a protección dos residentes e do persoal do centro coa súa comodidade e confort, algo que nos parecía posible cunha limpeza fonda ou cunha talla selectiva sen necesidade de arrasalo absolutamente todo. Dubidamos moito que actuar con esta radicalidade fora o procedemento máis axeitado e por iso pedirémoslle á Consellería os informes que avalaron esta acción”, explica García Gómez quen tamén interpelará ao servizo de montes para saber se este departamento era coñecedor da magnitude das operacións e se estas se axustaron aos límites que marca a lei sobre o número de pés forestais que se poden cortar cun só permiso.

Os concelleiros e a concelleira de Lugonovo cren, ademais, que as tarefas acometéronse a destempo. “Se o imperativo viña determinado pola necesidade de eliminar riscos derivados dunha climatoloxía adversa, agora, precisamente entramos na época do ano con menos perigo e xusto na que a presenza destas árbores se fai máis acaída e tamén máis agradecida en tanto aportan boa sombra nestes días de calor”. Iñaki García lembra que na contorna atópase a Unidade de Saúde Mental do Sergas e que o paseo por esta zona de recreo supoñía un dos poucos entretementos para os internos e as familias que os visitan, mellorando a calidade da súa estancia. 

Polo que, dende Lugonovo, ínstase a administración autonómica a repoboar o espazo á maior inmediatez posible.