A praia fluvial, outra frustración máis para a cidadanía

Xa en pleno verán, a cidade recupera a súa banda sonora e un ano máis cómpre entoar o Aquí no hay playa!! “Era evidente – admite Iñaki García –, pero agora xa é un feito que recoñece ata o propio goberno local”.

O edil de Lugonovo achaca a unha mala planificación que, tampouco en 2017, os lucenses poidan dispoñer dunha zona pública de baño no Río Miño. “Tratase dunha das reivindicacións insignia da veciñanza pero o executivo agardou a iniciar a súa tramitación a finais do mes de marzo. Así as cousas, e coñecendo a dilixencia coa que operan as administracións, habería que ser moi iluso, botando man doutra canción, para pensar que o procedemento xa estivera rematado en xuño”.

García Gómez relata, segundo as explicacións que recibiu ao respecto durante a Comisión de Desenvolvemento Sostible, que non foi ate o pasado día 12 cando o anuncio de competencia de peticións do Concello á Confederación Hidrográfica saiu reflexado no Boletín Oficial da Provincia. “A partir de aí, ábrese un prazo de 30 días de exposición ao público que nos conduce irremediablamente a mediados de xullo. Así que, por moito que nos digan que os pregos técnicos xa están preparados, entre que se licita e se adxudica o servizo de aluguer, instalación e mantemento da devandita área, podemos estar comendo as uvas de Fin de Ano”.

“Botar agora balóns fóra, amparándose na tardanza da burocracia parécenos unha escusa de mal pagador, un argumento que xa non convence a ninguén porque as demandas da cidadanía por esta cuestión non son novas. Ao contrario, o que vén de suceder reflicte de forma paradigmática a xestión ineficaz deste goberno que, tendo tempo suficiente para tramitalo, non foi quén de priorizar o proxecto nin tampouco de saber entenderse coa Confederación. Unha mágoa que, de novo, as institucións que se dirixen dende distintas siglas políticas, lonxe do que se agarda delas, non estean dispostas a facer un esforzo por mellorar a súa dialéctica a prol do interese xeral”, conclúe Iñaki García.