Lugonovo suxire crear unha guía didáctica que recolla o patrimonio natural local

Elaborar unha gran guía descritiva que recolla a información botánica do concello ao completo e que sirva para poñer en valor toda a riqueza paisaxística local.

Esa é a proposta que Lugonovo presentará, pola vía da emenda, a unha das mocións que se debatirán no vindeiro Pleno co obxecto de identificar as árbores do parque de Rosalía de Castro. “Publicamente estase a trasladar un esforzo por potenciar o noso patrimonio histórico e gastronómico pero tamén cómpre salientar o natural – apunta Santiago Fernández Rocha –  e non todos os nosos recursos se concentran exclusivamente neste enclave da capital. Moitas rúas, como a Avenida de Ramón Ferreiro, Fontiñas, a propia Praza Maior, barrios como o do Carme ou a Ronda de Fingoi, xardíns como o de Albeiros, Frigsa e mesmo a Carballeira, os paseos do Rato e do Miño, etc… contan cun arborado extenso e abundante que merece ser destacado ben polas especies que conteñen, ben polas propiedades das mesmas ou polas funcións que cumpren”.

O documento, explica o voceiro da formación, reflectiría todos estes datos (orixe, coidados, usos para os que foron empregados nas distintas épocas, froitos que dan…), pasando a ser unha ferramenta de gran utilidade non só dentro da comunidade escolar senón como atractivo turístico. “Lugo pertence á rede de Cidades Educadoras e, como tal, debera cumprir unha función pedagóxica máis aló dos muros das aulas. Contamos con múltiples escenarios e son tamén moitos os axentes sociais que poden contribuír a esa divulgación do coñecemento, só é necesario saber aproveitalos”.

Neste senso, Fernández Rocha lembra a existencia da Escola Politécnica Superior, “un ilustre referente en materia de investigación agrícola, forestal e medioambiental” ao que alude como colaborador indispensable á hora de redactar e deseñar este novo instrumento didáctico. “Botamos en falta un maior compromiso do goberno co significado que ten pertencer a esta Asociación Internacional, onde o propio lema que a define debera ser tamén un dos obxectivos da xestión municipal: que a cidade estea ao servizo das persoas. Unha meta para a que, consideramos, o executivo ten que desenvolver un papel moito máis activo, tratando de promover relacións e sinerxias entre os distintos sectores e creando as condicións que favorezan unha maior participación e interese da veciñanza por todos aqueles valores que nos definen como lucenses e que reforzan a nosa autoestima dende tódalas vertentes posibles”, conclúe Fernández Rocha.