Lugonovo insta a edil de Cultura a convocar canto antes a Comisión do Arde Lucus para presentar o balance das festas

“O Arde Lucus cumpriu sobradamente as súas expectativas”.

A voceira de Lugonovo fai unha valoración moi positiva dos festexos en tanto demostran que a participación cidadá na súa organización é un garante de éxito. “O asociacionismo lucense amosou, unha vez máis, o seu compromiso e bo facer na materialización das celebracións. Despois de moitos meses de traballo esta fin de semana puidemos comprobar que os seus esforzos obteñen sempre excelentes resultados”, manifesta Cristina Pérez Hérraiz.

Nese senso, a portavoz da agrupación municipal aposta por incrementar, para futuras edicións, esta colaboración co tecido asociativo da cidade, outorgándolles un peso especial no deseño e posta en escena dos espectáculos, fronte a contratación externa das actuacións. “A implicación das entidades locais é innegable como sobresaínte é o seu labor e os froitos que dá, puidémolo comprobar nestes días” – subliña Pérez Herráiz – “ningún dos colectivos que interviron nas festas escatimou en dedicación nin en esmero para que todo saíse á perfección e por iso cremos que esta debe ser a liña a seguir no futuro, aumentar a súa presenza e protagonismo dentro da programación do Arde Lucus”.

“Agora quen debe de corresponder con igual eficacia é a edil de Cultura”, sinala a voceira de Lugonovo, apremiandoa a convocar, o antes posible, a Comisión Especial das Festas para presentar o seu balance económico e social. “Tendo en conta que a señora Basadre non tivo a deferencia de emprazarnos antes das celebracións, non está de máis lembrarlle, non fora ser que se esqueza de novo, a necesidade de aportar con dilixencia os datos económicos, gastos e ingresos derivados da súa preparación, así como as cifras de público asistente”, conclúe Pérez Herráiz.