Lugonovo cualifica as máquinas da ora de comecartos para turistas… por terceiro verán consecutivo

Este domingo cumpriranse dous anos da suspensión da Ora e, dende aquela, nada se sabe do modelo de regulamento que pensa empregar o goberno para xestionar o estacionamento en superficie.

Lonxe de atoparlle unha solución inmediata á falta de prazas de aparcadoiro, o vello sistema aínda segue a ocasionar problemas, segundo denuncian os edís de Lugonovo. “Non sabemos qué o xustifica, pero 700 días despois de anularse o servizo, as máquinas que expiden o tícket seguen na rúa. Sen precinto, sen carteis que advirtan da súa clausura e propiciando, asemade, que os visitantes continúen perdendo diñeiro na procura dun recibo inexistente e innecesario”, afea Iñaki García.

O concelleiro quere coñecer as causas polas que os dispositivos aínda non foron retirados da vía pública, tendo en conta que non cumpren ningunha función “excepto a do despiste”. “Só serven para contribuír á imaxe de deixadez institucional que padece á cidade – subliña García Gómez –  ademais de para causar confusión e un transtorno importante a quen os utiliza.

Especialmente aos turistas que se achegan á capital nestas datas e que, por terceiro verán consecutivo, alleos á realidade política do Concello, asimilan, como é lóxico, a presenza destes aparellos coa obrigatoriedade de pagar por aparcar, sen sospeitar que se trata exclusivamente dun ornamento inútil da paisaxe urbana. De feito, dubidamos se propoñelos como monumento referente da historia contemporánea local e solicitar a súa inclusión nas guías turísticas“, ironiza o edil de Lugonovo.

“Cómpre anunciar como é debido que están inactivos ou directamente retiralos e así llo solicitaremos ao executivo ao mesmo tempo que lle preguntaremos tamén polas razóns do seu mantemento e polo estado de tramitación da municipalización do servizo que, iniciada en 2015 a instancias de toda a oposición, segue estancada, ou esa é a impresión que dá, no limbo administrativo”, conclúe Iñaki García.