Lugonovo defende a coalición dun goberno de esquerdas fronte a unha reprobación inútil da alcaldesa

A portavoz de Lugonovo reiteraba esta mañá a iniciativa que a formación xa propuxo durante o Debate do Estado do Concello como a única solución efectiva á xestión errática do actual equipo de goberno. “Dixémolo no seu día e tamén agora. Seguimos dispostos a sentarnos en torno a unha mesa para dialogar sobre o futuro, contando co resto das forzas de esquerda, calquera outra posibilidade non tería sentido”.

Un argumento do que Cristina Pérez voltou botar man no Pleno celebrado hoxe para rexeitar a reprobación presentada contra a Alcaldesa. “Dende logo non vai ser Lugonovo quen negue os problemas que existen na dirección desta institución. De feito, levamos dous anos denunciando incansablemente todo tipo de despropósitos, dende a existencia de ducias de contratos caducos  ata o atraso nos pagos de facturas a proveedores, os poucos avances en materia de dixitalización que lastran a tramitación burocrática ou a cuestión do persoal que afecta e condiciona a maioría dos servizos municipais”. ”A crítica foi e é unha das nosas constantes, e, ante esta realidade, seguramente o seguirá sendo.Pero tamén baseamos o noso traballo no espírito propositivo e construtivo”.

“Nada que ver coa reprobación que hoxe se trae aquí e que só pretende facer ruído cunha manobra retórica pero sen percorrido legal algún. A nosa non é a política do circo, senón aquela que nos permite desenvolver a labor de fiscalización que nos corresponde pero tamén defender os intereses e os dereitos da maioría social. E iso non se fai con parafernalias nin con brindes ao sol. Nós preferimos a seriedade, a política que se constrúe con propostas e esta reprobación non achega ningunha. Nin tampouco nos define porque Lugonovo NUNCA apoiará unha moción de censura da dereita e tampouco a pensa facilitar”, conclúe Pérez Herráiz.

Cómpre subliñar que durante a sesión plenaria a formación acadou o apoio unánime da Corporación para que o goberno inicie un estudo de viabilidade dun servizo de baleirado e limpeza de fosas sépticas no rural mentres non se implanta o saneamento definitivo nas parroquias de Lugo.