Victoria Esteban Riesco será a nova concelleira de Lugonovo

Lugonovo anuncia a incorporación da compañeira Victoria Esteban Riesco como nova concelleira da nosa organización na corporación local. A aceptación da acta farase efectiva no vindeiro pleno ordinario da cidade. Coa incorporación de Victoria Esteban, o actual grupo municipal composto por Cristina Pérez e Iñaki García gaña un novo perfil político vinculado á defensa do ensino público.

Victoria Esteban, de 56 anos, ocupou a sexta posición na candidatura electoral que en 2015 conseguiu tres asentos no consistorio, utilizados desde entón para desenvolver unha oposición construtiva e responsábel ao servizo de Lugo. Nacida na cidade, Victoria Esteban é mestra e dirixe o CEIP Luís Pimentel, o colexio público do barrio da Piringalla. Trátase dunha das fundadoras de Lugonovo e membro da Coordinadora da organización, labor que compaxina co traballo en En Marea, onde forma parte do seu Consello e Coordinadora, e onde exerce o posto de vicevoceira.

Coa entrada como concelleira de Victoria Esteban, Lugonovo asume a reestruturación do Grupo Municipal como unha prioridade que a Coordinadora e a Asemblea da organización abordarán proximamente co obxectivo de optimizar o traballo no Concello como unha das facetas imprescindíbeis do traballo político xeral.

Finalmente, o número 5 da candidatura municipal e cofundador de Lugonovo Xabier Villares desestimou a posibilidade de aceptar a acta de concelleiro, debido a motivos profesionais que o afastarán da cidade durante os próximos meses.