Lugonovo advirte que en setembro haberá un novo reparo de legalidade: o "contrato menor" do Vello Cárcere

Rematou o mes de agosto e con el o contrato menor que o executivo asinara para dotar de persoal o Vello Cárcere, cumprindo “in extremis” cos prazos estipulados no Plan Urban.

A concesión expirou sen concreción algunha sobre o futuro que lle agarda e sen que transcendera, ata o momento, nin un só detalle do que con ela pensa facer o goberno local. “Coido que o proxecto de remodelación do edificio tiña unhas datas de finalización perfectamente definidas incluso antes de febreiro de 2012 cando comezaron as obras. Pero semella que cinco anos non foron suficientes para que o executivo socialista puidera preparar con previsión uns pregos ben estruturados que garantiran a prestación en tempo e forma”.

A portavoz de Lugonovo eleva o ton da súa crítica ao comprobar que a mediados de setembro o equipo de Lara Méndez nin sequera aproveitou estes cinco meses de marxe que brindaba a última licitación para despexar a incógnita de cómo e cándo pensan abordala dunha forma máis estable. “A falta de información ao respecto espértanos moitas dúbidas sobre o procedemento que pensan aplicar. Xa para comezar nin sequera sabemos como, co expediente caduco, pretende o Concello abonar os servizos prestados dende o 31 de agosto, cando concluíu o contrato”.

Cristina Pérez Herráiz continúa: “Semella que estamos ás portas dun novo reparo por parte da Intervención. Un máis, lamentablemente, que se engadirá aos outros 35 que a administración xa mantén no nimbo da alegalidade”. Os edís da agrupación preguntarán á responsable de Cultura na vindeira Comisión se, dende o seu departamento, foron, a lo menos, solicitadas novas ofertas para cubrir o servizo temporalmente; un procedemento de concatenación que, por outra banda, podería non ser pertinente ao superar o importe permitido para as concesións menores.

“A atención ao público no Vello Cárcere dende abril supuxo un desembolso de 21.550’29 euros. Unha semana máis en vigor e tería que ter sido sometido a outro tipo de proceso por exceder da contía máxima permitida. E aínda así, nin a urxencia coa que se fixo nin a falta de transparencia á que o condicionaron as présas, serviron para evitar que a institución cometa unha nova irregularidade”.

Perez Herráiz cualifica de “gravísimo” o acontecido e sospeita que as bases para cubrir o servizo nin sequera están definidas. “Redactalas, coa carga de traballo que xa soportan as distintas áreas municipais, non será labor dun día, así que, neste contexto, queremos saber que plans ten a señora Basadre para esta prestación, ata cando a vai manter na provisionalidade”. Cuestións  como a dotación de persoal, de orzamento e mesmo da seguridade coa que se vixilarán as instalacións serán outros dos aspectos polos que pregunte Lugonovo.