Lugonovo propón recuperar os bonos de estacionamento gratuíto para aliviar os problemas de tráfico nas contornas escolares

En plena Semana Europea da Mobilidade, a de Lugo non é máis que o paradigma dos déficits de xestión do goberno local e da súa desidia.

De nada serviron as constantes denuncias rexistradas durante o curso anterior, nin tampouco os meses de marxe que propiciaron as vacacións estivais. Co estudantado de volta nas aulas, regresaron tamén á cidade os colapsos da circulación e os coches parados en dobre fila ou invadindo as beirarrúas. “Un problema manifesto – segundo Iñaki García – que podería terse resolto cunha boa planificación e cun dispositivo de vixilancia específico que actúe nas contornas escolares nos momentos puntuais de entrada e saída ás clases, cando se concentran a maior parte dos vehículos”.

Sen embargo, o edil de Lugonovo lamenta que o executivo “persista no seu costume de ir tirando sen facer nada” e non aproveitara o verán para artellar un plan de organización, contando cos efectivos precisos, para garantir un acceso ordenado aos centros. “A pesares da súa indiferenza, se cadra aínda non é tarde para propoñerlle ao equipo de goberno que estude a posibilidade de recuperar unha fórmula, empregada no pasado polo Concello, que permitiría aliviar a saturación puntual de tráfico que se rexistra especialmente no centro: conveniar cos parkings da capital o estacionamento gratuíto, por espacio dun cuarto de hora, tempo suficiente para deixar aos pequenos na escola; ou deseñar algún tipo de bono mensual, de custo reducido, para facer uso das instalacións por un intervalo de unha ou dúas horas ao día”.

A crítica de García Gómez, ante a apatía amosada ata o de agora polo equipo de goberno  nesta cuestión, exténdese tamén ao feito de que nos últimos meses tampouco se acometera ningunha das melloras solicitadas por Lugonovo no que ten que ver co repintado das marcas viais e a diminución da velocidade a 30Km/h tanto na Piringalla como nas Avenidas de Ramón Ferreiro e Rodríguez Mourelo. “Neste enclave, en concreto, sorpréndenos o feito de que, con data do 1 de agosto, se adxudicase un contrato menor por importe de 6.403 euros para o subministro de sinalización vertical, horizontal e man de obra para materializar esa limitación e para a indicación do carril ciclista e, mes e medio despois, sigamos sen ningún avance ao respecto”. “Do mesmo xeito, nin un só paso foron capaces de dar na creación do itinerario peonil seguro que pedimos en marzo para o Ceip de Albeiros.

Ao contrario, esta mañá pequenos e pais ademais de ir esquivando turismos e mollando os pés polas cunetas, tiñan que sortear aos operarios municipais que se atopaban desbrozando as gabias. Non había época mellor para desenvolver eses traballos! Toda unha mostra do don da oportunidade que caracteriza a forma de operar do executivo local”, conclúe o concelleiro Iñaki García.