Lugonovo insta ao Goberno a retirar con dilixencia a base de formigón dun guindastre que atasca o inicio da Rúa Monforte

Mes e medio. Ese é o período que leva apalancada, sen cometido ningún, a base de formigón dun guindastre que, durante moito tempo, ocupou o inicio da rúa Monforte.

A estrutura, que aínda invade boa parte da calzada e da beirarrúa, incluído un tramo do paso de cebra, segue alí 40 días despois de que a grúa fose retirada, causando, segundo denuncia Lugonovo, un prexuízo innecesario a condutores e peóns.

Se non se lle vai dar ningún tipo de uso, xa vai sendo hora de que este soporte, e os valos que o rodean, se eliminen para recuperar a normalidade da circulación na zona. Estamos a falar dunha vía que comunica coa Ronda da Muralla, da que recolle e á que deriva moito tráfico e na que, precisamente, este armazón o interrompe no punto de conexión principal polo que cruzan tanto os coches como os viandantes”, subliña a portavoz da formación.

Cristina Pérez Herráiz anuncia que a agrupación municipal interpelará ao executivo por esta cuestión ao mesmo tempo que o insta “a quitar, o antes posible, este sustentáculo actualmente convertido nun estorbo para a veciñanza”.