Lugonovo satisfeito pola implicación municipal para unhas festas libres de agresións sexistas

 

A portavoz de Lugonovo amosa a súa satisfacción pola incorporación, na cartelería do San Froilán, de mensaxes contra as agresións sexistas durante as festas.

A agrupación municipal rexistrara a semana pasada unha proposición de Pleno co obxectivo de acadar o respaldo da Corporación para que o executivo desenvolvese unha campaña de sensibilización, ao respecto, durante as próximas celebracións patronais.

“Parécenos formidable que o equipo de goberno teña reaccionado a tempo e puidera corrixir unha eiva que, ata que anunciamos a nosa proposta, non tivera en conta”, refire Cristina Pérez Herráiz.

“Os primeiros carteis do San Froilán, así como o resto da publicidade oficial, non contemplaba ningunha referencia a esa necesidade, detectada por Lugonovo, para que todos estes soportes serviran como marco de difusión dunha serie de consignas encamiñadas a concienciar, pero tamén a evitar a violencia sexista”.

A voceira da formación explica que tralo a contecido nos Sanfermíns de 2016 foron moitas as localidades españolas que responderon con contundencia a este tipo de ataques e abusos que proliferan durante os festexos.

“Consumir alcohol e drogas nunca é un atenuante e propasarse con outros porque tomamos dúas copas de máis non é algo natural”, advirte Pérez Herráiz. “Ese tipo de comportamentos, independentemente de que sexan máis ou menos graves, atentan contra a liberdade afectivo sexual das persoas e non poden ser tolerados en ningún momento e en ningunha circunstancia. Por iso entendíamos que a administración debía ser consciente da súa responsabilidade á hora de sensibilizar á sociedade para evitalos, identificalos e, se é preciso, denuncialos”.

“Aínda que esta rectificación de última hora nos parece ben, agardamos que en vindeiras ocasións este tipo de actuacións se preparen con menos improvisación e cunha maior dotación de recursos para garantir a súa eficacia”, conclúe a portavoz de Lugonovo.