Lugonovo e BNG – AA promoven a condena pública da represión que vive Cataluña

Lugonovo e BNG – AA defenderán no Pleno de hoxe unha proposición conxunta para promover que o Concello de Lugo rexeite publicamente os feitos represivos rexistrados en Cataluña.

Os portavoces das dúas formacións de esquerda sinalan que o pobo catalán leva moitos anos reclamando, de xeito cívico e pacífico, o lexítimo dereito a decidir libremente o seu futuro e como articular a relación que manteñen coas outras rexións do Estado español. Todos os estudos de opinión e enquisas indican que, independentemente da escolla política de cada quen, a cidadanía catalá quere poder votar e poder elixir. Un exercicio, consideran os voceiros, que non debe entenderse contra ninguén, senón como un elemento positivo e democratizador.

Dende as dúas agrupacións sinálase que os graves feitos acontecidos o pasado 20 de setembro profundizan nunha estratexia de confrontación e non-resolución do conflito e advirten que a actuación xudicial e policial que se desenvolveu pode provocar un punto de non retorno nas relacións entre as institucións españolas e as catalás.

Para Lugonovo e BNG- AA o rexistro de sedes da Generalitat e a detención de responsables políticos e traballadores públicos foi unha nova mostra da degradación democrática que está a impoñer o goberno central. Uns feitos que se unen aos das semanas anteriores nos que a sociedade asistiu á suspensión de actos, ao rexistro de empresas e medios de comunicación, á supresión de webs e mesmo a querelas contra cargos electos.

Acontecementos graves para os representantes municipais destes dous partidos e contra os que, ao seu xuízo, cómpre manifestarse mediante unha condena pública ao mesmo tempo que se insta ao executivo español a resolver de forma pacífica a fronte aberta en Cataluña así como a respectar o dereito do seu pobo a decidir a través das urnas.