Ante a inminente firmeza das sentenzas do Garañón, Lugonovo insta a abordar con dilixencia o proceso de demolición das torres

Trala Comisión do Garañón celebrada esta mañá, o edil Iñaki García referiu a necesidade de agardar a dispoñer do informe realizado polo Servizo de Disciplina Urbanística para avaliar con precisión os pros e contras das dúas opcións que os técnicos deste departamento consideran máis acaídas para restaurar a legalidade nas costas do Parque de Rosalía.

“Unha alternativa sería a de solicitar a Cultura un ditame previo para que se posicione sobre cómo intervir, mais dende Lugonovo entendemos que debe ser o Concello quen lidere o planeamento urbanístico da cidade e quen, con valentía, e ante a inminente firmeza das sentenzas ao respecto, tome a iniciativa de poñer fin a unha transgresión ao patrimonio público que a administración nunca debeu consentir”.

García Gómez lembra que, políticamente e xa dende o inicio, a formación posicionouse sempre a favor da demolición das torres como a única solución realista e práctica “tendo en conta que a ordenación que recolle a Unidade de Actuación CS-5 ( a actual URPI 58) está anulada xudicialmente e que o PERI é inexecutable facendo practicamente inviable calquera proxecto construtivo na zona”.

O concelleiro de Lugonovo lamenta, iso si, que o equipo de goberno non tivera a ben aportar, antes da xuntanza de hoxe, toda a documentación necesaria para que os grupos da Corporación puideran fundamentar con maior rigor os criterios da decisión tomada. “Estamos a falar dun proceso que leva en tramitación moitos anos, causando aínda un prexuízo maior do que, de por sí, supuxo a edificación do inmoble e que non precisa de máis dilacións, porque aínda abocado a desaparecer, a permanencia do Garañón segue a ser unha fonte de perigo para a poboación e un recordatorio constante do pasado especulador que enturbou a historia do noso municipio”, conclúe Iñaki García.