Lugonovo cre que unha folga no servizo da grúa sería o detonante final dun San Froilán caótico en canto á mobilidade

“Suspenso en mobilidade”. A portavoz de Lugonovo non dubida da cualificación que lle merece a xestión do goberno local en canto á organización do tráfico na cidade.

Cristina Pérez Herráiz fai estas declaracións cando, a tódalas frontes abertas que lastran ao concello nesta materia, está a piques de engadírselle outra máis: unha posible folga dos traballadores do guindastre en plenas festas do San Froilán.

“Cando pensabamos que a situación non podía ir a peor, a ineficacia do executivo alcanza unha nova cota. En dous anos aínda non foron capaces de dar un só paso cara a municipalización do sistema Ora, nin tan sequera para restauralo provisionalmente e, seis meses despois de anunciar a creación de estacionamentos disuasorios e mesmo de prometer que se ampliará o tamaño das prazas nos privados, ámbalas dúas cousas seguen a ser só mera propaganda”.

A ese respecto, a voceira da formación lamenta que a “transparencia” sexa outro dos exemplos de publicidade enganosa que fai o equipo de goberno. “Levamos agardando dende xaneiro para poder ver o contrato con Interparking e así avaliar en qué termos foi outorgada a concesión ante o feito evidente, e as constantes denuncias dos usuarios, de que as dimensións das prazas non se axustan ás necesidades dos vehículos actuais e, polo tanto, a adxudicación non cumpre axeitadamente coas súas expectativas”.

E como mostra, Cristina Pérez refire as dificultades que ela mesma pasou esta mañá para poder acceder ao seu coche e introducir nel o traxe tradicional que empregará no desfile do próximo domingo.

“Podemos dicir que o ano está practicamente perdido porque os avances, en calquera destes aspectos, foron cero e, nin tan sequera, os membros do executivo foron quén de aproveitar o verán para deseñar e planificar unha volta ao cole ordenada, que non engrosase aínda máis o caos que xa padece, por todo o anterior, a circulación na capital”, reprocha Pérez Herráiz quen advirte que xa é hora de poñer enriba da mesa algunha solución.

“Semana tras semana, seguimos asistindo ao descontento xeralizado da cidadanía ante a parálise da administración, incapaz de aportar alternativas que melloren a súa calidade de vida. Resulta penoso que do único que poidamos dar conta ao respecto no haber do mandato, ademais da campaña de sancións Aparca con Xeito, sexa do case millón de euros que o Concello leva abonado con reparos de legalidade pola grúa dende que caducou, fará dous anos en novembro”.

Unha prestación que, a xuízo dos edís de Lugonovo, manterase aínda durante algún tempo na irregularidade tendo en conta que o prego ponte podería non estar tan avanzado como se dá a entender xa que “trala fiscalización da Intervención o expedente tivo que ser revisado de novo polos técnicos e nin os propios traballadores do servizo teñen constancia de cal é o futuro que lles agarda, unha das reivindicacións nas que basean as súas mobilizacións e que, ao noso entender, debera pasar pola subrogación”, conclúe a portavoz.