Trala sinatura do convenio do Auditorio, Lugonovo estima que a Xunta quedará exenta de pagar máis do 75% do que tributa no concello en concepto de IBI

“É un trato pésimo. Unha decisión irresponsable que hipotecará durante anos ao Concello e que claramente instrumentaliza os medios públicos con fins electorais”.

Deste xeito, a portavoz de Lugonovo reitera o posicionamento que a agrupación mantivo dende o inicio sobre o convenio que as administracións local e autonómica asinaron hoxe para rematar o novo Auditorio.

“Que teña que ser a cidadanía quen, finalmente, financie o equipamento desta dotación cultural é a maior evidencia de que a alcaldesa nin sabe negociar, nin quere xestionar”, critica Cristina Pérez Herráiz.

A voceira da formación advirte que con esta transacción quen máis sae gañando será o executivo autonómico quen tributa anualmente, en concepto de IBI, ao redor de 790.000 € por tódalas propiedades que ten no municipio: 62 de natureza urbana de distinta utilidade (2 de solo sen edificar, 4 deportivas, 11 oficinas, 19 culturais, 7 residencias, 5 almacéns – estacionamentos, 3 comerciais, 2 de ocio e hostalaría, 2 industriais e 4 edificios singulares, ademais dos 3 sanitarios correspondentes ao Sergas) e 194 rústicas.

“Non hai máis que botar ben as contas para decatarse de que este acordo, en detrimento dos intereses locais,  só ten un beneficiario en tanto supón unha exención de máis do 75% do que a Xunta paga, ao ano, por este imposto”, destaca Pérez Herráiz quen cualificou de “chantaxe tácita“ e de “intercambio de cromos” o pacto entrámbolos dous organismos. “Só queren unha foto inaugurando o Auditorio en 2019, dá igual a cambio de qué”.

Cómpre subliñar que o goberno galego xa está libre de cargas, por imperativo legal, das construcións afectas a servizos educativos así como das que teñen usos deportivos neses mesmos centros e que tampouco abona nada polas instalacións que ocupa a policía autonómica nin pola Muralla debido á súa condición patrimonial;  asemade desfruta dunha exención parcial sobre aqueles bens de natureza rústica cando se trata de montes poblados con especies de crecemento lento.

“Lugonovo apostaba por botar man dos remanentes de tesourería de libre disposición para concluír e poñer en funcionamento o Auditorio e por implicar tamén á Deputación ademais de obrigar á Xunta a que aportara o 1’2 millóns de euros que comprometera ao respecto pero, polo que se ve, a señora Méndez prefire deixar en mans alleas que lle solucionen a papeleta o que xera unha visión moi desalentadora das súas capacidades para dirixir a Corporación”, afea Crisina Pérez quen igualmente cataloga como un “xesto de auténtica desconsideración para coa Corporación” que o documento fora firmado antes de contar coa preceptiva aprobación, en Pleno, da modificación da ordenanza reguladora.