Lugonovo cualifica de tomadura de pelo a convocatoria da mesa das Ordenanzas

A formación cre que o convenio do Auditorio pode comprometer a negociación do proxecto  previsto para o barrio da Residencia

“Un paripé e unha tomadura de pelo”, así é como Cristina Pérez Herráiz definiu a mesa de traballo das Ordenanzas convocada esta mañá polo goberno.

“E por moitas razóns. Organízase baixo o pretexto de resolver varios aspectos, relativos ás taxas municipais, que irían ao próximo Pleno cando o executivo só tiña intención de abordar o convenio do Auditorio. Un asunto que, en segundo lugar, xa chegaba cociñado, asinado e  resolto de forma unilateral, ninguneando á oposición e chamándonos a ser convidados de pedra nunha xuntanza na que, por outra banda, nin se aportou un só documento que nos permitira afondar nos termos do acordo”.

A voceira de Lugonovo tilda o acontecido de “falta de respecto” ao mesmo tempo que cualifica de “desvergoña que a responsable de economía insista en vendernos este pacto como un éxito para a cidade cando é unha burla aos lucenses. Que non pretenda que o apoiemos”.

A formación advertira a inicios desta semana que esa transacción entre as administracións local e autonómica suporá hipotecar ás arcas municipais ata o 2023, tendo en conta que implica a perda de máis de 600.000 euros de ingresos por exercicio.

“A Xunta de Galicia ten en Lugo 62 propiedades de natureza urbana e 194 rústicas polas que abonaba, anualmente, ao redor de 790.000 euros en concepto de IBI. A exención rubricada o martes pola alcaldesa significa renunciar ao 75% do que este organismo debía tributar no Concello”, manifesta Pérez Herráiz.

Unha estimación que obriga, segundo a portavoz de Lugonovo, a deixar outra cuestión no aire: “se para equipar o Auditorio xa se lle rebaixa case toda a contía do imposto, ¿en que termos se vai negociar a revitalización do barrio da Residencia? Coa capacidade de xestión amosada ata o momento, as dúbidas que nos ofrece o futuro dese proxecto son todas”, conclúe.