Lugonovo cualifica de moi deficiente o estado de conservación dos parques infantís da cidade

Cabichas de tabaco, bolsas de plástico e envases de bebidas mestúranse coas malas herbas no areeiro infantil de Novo Freire. Mesmo o bebedoiro está cheo de terra.

A situación na que se atopa este parque reflicte, segundo os edís de Lugonovo, o descoido que sofren moitos dos espazos de lecer da cidade.

“Para comezar, xa a limpeza brilla pola súa ausencia pero esa non é a única eiva do recinto nin esta a única zona de xogo deficitaria na capital”, advirte Cristina Pérez Herráiz . A portavoz de Lugonovo refire igualmente un importante grao de desleixo no xardín de San Roque e no do Carril das Flores, onde a falta de mantemento afecta tamén ao estado do pavimento e do resto do mobiliario urbano, incluso aos peches perimetrais.

“No recanto sito a carón da rúa Primavera o que había esta mañá era moito lixo amoreado, desbordando das papeleiras, e unha importante cantidade de follas sobre o chan que o convertía nunha perigosa pista de patinaxe para os cativos”, explica Pérez Herráiz. “Pero é que en San Roque as propias escaleiras de acceso e o muro que soporta a varanda de apoio están rotas, e a grava sobresae polas gretas do firme de seguridade, unha superficie protectora que, por exemplo, nalgúns puntos da área do Campo Castelo directamente desapareceu”.

“Toda unha rea de deficiencias” ás que a voceira da formación engade outro aspecto a lamentar: que non se estea aproveitando a renovación das randeeiras para instalar no seu sitio carriolas inclusivas.

“Foi un dos primeiros rogos que Lugonovo fixo ao chegar á Corporación: que aqueles elementos que se retirasen por estar deteriorados fosen substituídos de forma progresiva por outros accesibles para tódolos nenos e nenas con independencia do seu nivel de mobilidade”.

Herráiz exemplifica a súa crítica co acontecido no parque da Ronda das Mercedes onde os dindáns e o tobogán son novos pero ningún para pequenos con diversidade funcional. “Unha oportunidade perdida para seguir construíndo un Lugo de todos e todas”. A portavoz da agrupación suma á lista de despropósitos o feito de que aínda non se repuxesen as pezas queimadas, antes do verán, na contorna dos Paxariños e noutros, como ao que se accede pola Praza do Cantiño, non se respecten os horarios de apertura establecidos.

“É outro caso máis da falta de supervisión e control dos contratos que adxudica a administración local”, subliña Crisina Pérez quen lembra que, en decembro pasado, o goberno outorgou por catro anos a concesión para a conservación integral dos 73 enclaves de ocio infantil que existen no termo municipal, unha tarefa para a que destinou, só en 2017,  67.200 euros.

“Con sinceridade, non nos parece que todos eses cartos estean dando os froitos agardados, por iso preguntaremos na vindeira Comisión de Pleno cantas e cales foron as intervencións de mellora realizadas pola empresa nos dez meses que transcorreron de ano”, conclúe Pérez Herráiz.