Lugonovo cre que a mala xestión municipal pode agravar as consecuencias da seca

200 litros. Esa é a cantidade aproximada de auga que unha soa vaca precisa ao día.

Segundo os datos facilitados polo Instituto Galego de Estatística, no concello de Lugo hai 17.895 reses destinadas á produción leiteira e cárnica o que implica un consumo diario, nos núcleos, de máis de 3.500 metros cúbicos exclusivamente para este uso.

Iñaki García cre que un exemplo tanxible coma este axuda a interpretar a preocupación que existe no rural ante a seca, precisamente porque o 75% das aldeas do municipio non dispoñen nin de abastecemento nin de saneamento público.

“É dicir, que para atender non só as necesidades das vivendas, senón tamén as do gando ou as da terra, teñen que botar man das reservas dos seus pozos que xa están baixo mínimos. Por iso, aínda que dende o goberno insistan en que a situación non é alarmante, a nós sí que nos parece moi preocupante a escasa conciencia que, dende as administracións, se ten das consecuencias desta falta de infraestruturas”.

Para o concelleiro de Lugonovo a recomendación de pechar a billa e mudar o baño pola ducha é un parche ao estilo de “apelar a Santa Bárbara cando trona”.

“Para que a mensaxe cale, esa sensibilización hai que impulsala durante todo o ano, non só cando non chove. E hai que aproveitar todas e cada unha das moitas campañas que, dende distintos organismos e demarcacións, se poñen en marcha para mentalizar á poboación sobre a racionalización do gasto enerxético. Iniciativas que este executivo deixa pasar de largo do mesmo xeito que permite manter infrautilizadas dotacións coma os depósitos de Penarrubia ou a rede de auga reciclada que, en momentos así, servirían para paliar os efectos da estiaxe”.

García Gómez lembra que, a inicios de outubro, o Miño levaba un 59% menos do caudal habitual nesta época e considera que, de persistir a ausencia de precipitacións, estes valores seguirán minguando, propiciando, asemade, o esgotamento dos mananciais e dos pequenos ríos que fornecen ás parroquias.

“Quizais precisen agardar a que non haxa volta atrás senón non se entende a política de brazos caídos que o equipo de goberno está a amosar en todo o que ten que ver coa xestión do ciclo da auga e coa instalación da traída máis aló da capital. Ben por responsabilidade propia, ben esixíndolle á Xunta que se acorde de Lugo e revirta parte do que recada na cidade a través do Canon”.

O edil da formación subliña que a institución local vén de emitir a segunda autoliquidación cuadrimestral desta taxa por valor de 377.000 euros. “Tributos abonados polas empresas e particulares lucenses que agora ingresarán e engrosarán as arcas autonómicas pero dos que, lamentablemente, nin un só peso contribuirá a mellorar a precaria realidade do rural”, conclúe Iñaki García.