Lugonovo proporá varias bonificacións ao Icio para eliminar definitivamente o amianto e rematar coa fealdade que orixinan as medianeiras de ladrillo

Mellorar a sustentabilidade e a imaxe urbanística da cidade. Con ese obxectivo os edís de Lugonovo trasladarán varias propostas á seguinte mesa de traballo das ordenanzas, despois de que na reunión celebrada esta mañá só se abordasen as modificacións que o goberno pretende aprobar no vindeiro Pleno.

A formación suxire incluír unha rebaixa no ICIO para aqueles particulares que aposten por rematar as medianeiras dos edificios que se atopen en ladrillo así como por substituír o amianto que aínda poida quedar nas súas vivendas.

“Localizar instalacións e enclaves nos que segue habendo este perigoso residuo parécenos unha prioridade”, explica a voceira.  “Xa hai moitos meses que lle solicitamos ao goberno a creación dun inventario municipal e dun plan de retirada progresiva do asbesto pero cremos que a implicación da cidadanía é igualmente crucial, polo que atopamos acaída a creación dunha liña de axudas fiscais que promovan a eliminación desta substancia”, indica Cristina Pérez Herráiz.

En canto ás fachadas que seguen inconclusas, a voceira subliña que “son tantos os inmobles que ofrecen este aspecto na cidade que mesmo se podería elaborar un mapa do ladrillo”.

Os concelleiros da agrupación municipal destacan que estas instalacións inacabadas empobrecen a imaxe de Lugo e ocasionan importantes prexuizos ás comunidades de veciños, tanto polas perdas de enerxía que sofren os domicilios nesta situación, como pola aparición de filtracións e humidades derivadas de non contar cun revestimento axeitado en tódalas súas frontes.

A estas bonificacións que promoverá Lugonovo hai que engadir outras dúas realizadas pola formación a principios de ano e encamiñadas a potenciar, mediante a redución dun 25% do IAE, que os empresarios utilicen enerxías renovables a partir de sistemas de coxeneración e que fomenten o uso do transporte público entre os seus empregados a través de convenios coa concesionaria do bus urbano.